Alumnos ingleses practicarán a lingua galega a través de Internet con escolares de Pontevedra
Por Redacción
'Ponte a Londres' é o título baixo o que se engloba unha iniciativa innovadora que pretende dinamizar o uso da lingua galega a través de conversacións e narracións multimedia entre 84 escolares de primaria dos CEIP de Lérez, Xeve e Campañó con alumnos do colexio español Cañada Blanch de Londres que estudan lingua galega.
O 23 de xaneiro desenvolverase unha sesión de presentación coa primeira conexión entre os colexios pontevedreses e o de Londres. Durante unha hora e media manterase unha videoconferencia coa intención de establecer as bases do blog que entre os distintos centros se vai poñer en marcha.
Durante a presentación deste proxecto no que participa a concellaría de Normalización Lingüística, o concelleiro Demetrio Gómez sinalou que esta iniciativa "será un choque cultural" de maneira que un escolar de Xeve poida ensinar a un neno que reside en Inglaterra o que observa dende a súa fiestra e suporá un contraste exposto a través das novas tecnoloxías.
Dous dos profesores promotores deste encontro dixital, Luis Losada e Xosé Ramón Hermida, indicaron que se realizará unha "reflexión sobre a cultura, a paisaxe e a tecnoloxía" e apuntaron que se utilizará "a modernidade para rachar con tópicos e darlle voltas a todo porque nós temos contidos modernos e non só folclóricos".
Ao longo de cinco sesións estableceranse relacións entre os alumnos a través de fórmulas multimedia coa elaboración do blog didáctico e dun documental. En maio está previsto que os alumnos londinienses visiten Pontevedra.