Temor en Santo André de Xeve pola abundancia de maleza preto das vivendas ante o risco de incendios forestais

Por Redacción
Carmela Alonso é unha veciña de Santa Cruz, na parroquia pontevedresa de Santo André de Xeve. A súa casa atópase, nestes inicios do mes de xullo, rodeada de maleza con abundancia de toxos e silvas que superan os dous metros de altura.
Esta muller ten ao seu marido imposibilitado e xa no verán de 2022 viuse obrigada a gastar máis de 400 euros para que un grupo de xornaleiros rozasen o monte común. Por este motivo reclama a intervención da comunidade de montes de Santo André coa intención de que se encarguen das tarefas de limpeza ao entender que é un perigo para as casas cando se espera un verán de altas temperaturas.
Carmela Alonso entende que hai un risco evidente de que, en caso de producirse un incendio, o lume alcance as casas pola presenza desta maleza. Afirma que os vogais de montes non atenden as súas peticións: "Acodes a eles pero nin están nin se lles espera", afirma con impotencia.
Veciños da parroquia indican que a situación tamén se produce en Fragoso. A partir do número 6, as casas situadas na parte superior da estrada PO-223, e que lindan co monte, atópanse nunha fraga repleta de piñeiros con maleza que se achega ás casas.
Residentes desta contorna tamén denuncian que o monte veciñal permanece en estado de abandono en Xeve. Reclaman unha intervención da Comunidade de Montes ou do Concello de Pontevedra para saber a que se destinan as axudas e subvencións que recibe este colectivo a través do plan Monte Vivo e da Xunta de Galicia.