CCOO denuncia irregularidades na concesión de 75 permisos de marisqueo
Por Diego Espiño
O que debería ser unha boa nova, a concesión de 75 novas prazas de marisqueo na Ría de Pontevedra coa conseguinte creación de emprego no sector, converteuse nun motivo de disputa ante o que o sindicato Comisións Obreiras entende como irregularidades no proceso de adxudicación.
Segundo o sindicato, as confrarías de Raxó, Pontevedra e Lourizán pactaran coa Consellería do Mar que os solicitantes só poderían presentar a súa candidatura para o pósito de referencia segundo o seu domicilio. Así á confraría de Lourizán se dirixirían os habitantes dende a zona de Estribela a Mollabao, a Pontevedra os de Mollabao ata Raxó, e nesta última os de Raxó ata Sanxenxo.
O que parecía sinxelo complicouse ao coñecer o listado definitivo nas concesións. Alí compróbase que entre o 30 e 35% dos solicitantes presentaron os papeis para as tres zonas de marisqueo, sendo varios deles premiados coa praza en dúas ou mesmo as tres confradías.
Esta situación deixou sen posibilidade de traballar no sector a persoas que opositaron nunha soa confraría, o que indigna ao secretario comarcal de CCOO José Luis García Pedrosa, "é unha auténtica chapuza, debería revisarse porque se trata de traballar ou non. Non se respetaron nin as prazas destinadas a mozos sen emprego, alguén estivo xogando de mala fe".