O Colexio de Médicos de Pontevedra, contrario á política de derivacións sanitarias á provincia da Coruña
Por Redacción
O Colexio de Médicos da provincia de Pontevedra alerta de que a derivación de pacientes do CHOP a Santiago, supoñerá un "trastorno" para os pacientes nos desprazamentos, ao dobrarse a distancia a percorrer con respecto a Vigo.
"Este trastorno será maior naqueles pacientes como os de Radioterapia que requiren dunha periódica asistencia polos tratamentos" e que, na actualidade, son tratados en Vigo por unha empresa pública de xestión privada, Galaria S.A., co conseguinte incremento dos gastos de transporte que se producen como consecuencia do incremento da quilometraxe, argumentan dende este Colexio profesional.
A institución colexial, non obstante, "comprende" que en casos de patoloxías de especial relevancia e baixa prevalencia, se centralice o seu manexo nun Hospital de referencia, ao obxecto de mellorar o coñecemento e tratamento destes procesos, "o que sen dúbida enriquece o aumento de casuística".
"Xerará, a medio prazo, unha descapitalización dos servizos asistenciais na provincia de Pontevedra"
O Colexio, nun comunicado difundido este xoves, estima que a derivación destes pacientes "xerará, a medio prazo, unha descapitalización dos servizos asistenciais na provincia de Pontevedra, aumentando a brecha diferencial de financiamento que esta Provincia ten con respecto á da Coruña".
O Hospital de Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, quedará cunha referencia de 900.000 persoas, mentres os hospitais da provincia da Coruña serán referencia para 1.850.000.
Dende este Colexio recórdase o compromiso do presidente da Xunta coa cidade de Pontevedra para rematar no ano 2014 a construción do novo Hospital ÿnico de Pontevedra en Monte Carrasco, centro planificado con servizos asistenciais de referencia, como teñen os hospitais de Lugo e Ourense; "compromiso que pode verse afectado pola nova política de derivacións a Santiago, sumada á xa consumada segregación da comarca do Deza, da súa área asistencial," di o escrito.
Finalmente o Colexio "entende que o que se pretende aparentemente é potenciar o Hospital de Santiago como centro estrela, e á provincia da Coruña; a expensas das áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo".
Relacionadas:
-
A xunta de persoal dos Hospitais de Pontevedra convoca protestas contra o traslado de doentes a Santiago
Por Anxo Lourido |
-
O PSOE presentará unha moción para que as especialidades derivadas a Santiago retornen a Vigo e Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Santiago asumirá os casos máis graves e a cirurxía cardíaca pero non as consultas de Cardioloxía
Por Oskar Viéitez |
-
Doentes de seis especialidades do CHOP terán que trasladarse a Santiago para seren tratados
Por Redacción |