Lamentan a "persecución" nas redes sociais a unha concelleira de Sanxenxo "por unha frase que non pronunciou"
Por Redacción
O Goberno sanxenxino criticou a actitude mostrada durante o Pleno extraordinario celebrado o pasado luns no que os distintos voceiros dos grupos da oposición "fixeron alarde da súa falta de respecto á presunción de inocencia tanto da alcaldesa como dos técnicos da Xerencia de Urbanismo imputados nun procedemento xudicial que se atopa aínda en fase de dilixencias previas".
Precisamente, esta vulneración dun dereito fundamental provocou o "estupor" da voceira do Partido Popular e concelleira de Urbanismo, -avogada de profesión- ao comprobar como os representantes de SAL, PSOE e BNG "empeñáronse en sentenciar, especialmente á rexedora, sen estar aberto aínda nin o xuízo oral", comentaron dende o Executivo local.
María Deza insistiu entón na súa intervención que condenar sen ser xulgado non é propio dun Estado de dereito senón de épocas ditatoriais. Dixo: "También antiguamente, por esta regla de tres, todos los imputados, por la manera que tienen ustedes de hablar, tendrían que estar, en la época de Franco, en el calabozo esperando la pena de muerte; es que hacen ustedes unos planteamientos que me tienen totalmente asustada", como se recolle no audio adxunto.
En ningún momento a edila verteu a afirmación difundida erroneamente por Compromiso por Galicia e que provocou "unha lamentable e inxusta persecución nas redes sociais de María Deza", aseguraron dende o equipo de Goberno, engadindo que "o sentido da frase que pronunciou foi o contrario daquela que se publicou, e así se pode comprobar na gravación".
Os representantes municipais criticaron ademais que "os que están encabezando esta caza de bruxas -en referencia a Compromiso por Galicia- non se molestaron en contrastar a información dándolle pábulo de xeito interesado a unha publicación errada, xunto con outros que teñen constatado que non o dixo e aínda así o difunden en Facebook e Twitter".
O Executivo municipal aproveitou tamén para acusar de "oportunismo político" a petición realizada polo coordinador territorial de Compromiso por Galicia, quen reclamou a dimisión "inmediata" de María Deza ao dar por boa unha declaración que nunca se produciu. O equipo de Goberno recordou a Rafael Cuíña que "os votos non se gañan así senón formando un equipo de persoas honradas que traballen polo ben común e non polo seu interese particular".