37 condutores sancionados cada día
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra interpuxo durante o ano 2013 un total de 13.707 denuncias, o que implica 37 sancións de tráfico ao día e un descenso do 15,4 por cento con respecto ao ano 2012. Esta diminución do número de condutores infractores débese, en opinión do Concello, a dous motivos. Por un lado, ao "elevado cuprimento" das normas de tráfico por parte dos pontevedreses e os visitantes que circulan pola cidade e, por outro, ás "medidas estruturais" de redución da velocidade e mellora da seguridade vial aplicadas en distintas rúas do municipio.
A cifra aparece reflectida no avance da memoria da Policía Local facilitado este mércores pola concelleira de Seguridade Ciudadana, Carme da Silva. O documento tardará aínda varios meses en estar concluído, pero os datos xa achegados recollen tendencias rechamantes como o feito de que pouco máis do 40 por cento das infraccións se corresponden con condutores residentes en Pontevedra e o resto a veciños doutros municipios.
A Policía Local de Pontevedra interpuxo 13.707 denuncias en 2013, un 15,4 por cento menos que o ano anterior
No ano 2012 os axentes municipais realizaran 16.202 sancións, 2.495 máis que o ano pasado. Esta "diminución importante no ano 2013 con respecto ao ano 2012" no número de infraccións é aínda maior se se ten en conta o período 2010-2013, ascendendo ao 25%.
Da Silva considera un "dato moi significativo" a redución das sancións e cualifica de "exquisito" o comportamento da cidadanía pontevedresa en relación coas normas de tráfico, pero aplaude igualmente as medidas adoptadas dende o Goberno local porque "facilitan" tanto a comprensión coma o cumprimento da normativa por parte dos condutores.
Como exemplo da confluencia dos dous factores (humano e medidas estruturais), sinala que "non se detectan graves problemas en infraccións por exceso de velocidade no viario urbano" e que esta tendencia é posible polo "nivel de disciplina na velocidade" dos condutores, pero tamén porque "influiron moitísimo os lombos redutores de velocidade". Constatado o éxito das medidas adoptadas na regulación do tráfico nos últimos anos, tamén anunciou que dende o Concello se seguirán adoptando iniciativas nesta mesma liña.
O avance da memoria de actividade policial inclúe uns datos iniciais da accidentalidade na cidade e recolle que no ano 2013 se rexistraron 823 sinistros de tráfico nas vías do municipio que son competencia da Policía Local (parte dos viais dependen da Garda Civil de Tráfico). Houbo, en total, 22 accidentes menos que no ano anterior e as cifras mantéñense no nivel dos 800 sinistros anuais que Pontevedra non supera dende o ano 2008.
Fronte á redución do global de accidentes, aumentaron os sinistros con feridos leves
En 2013, ao igual que en 2012 non houbo ningún accidente mortal na cidade, pero un dato que si chama a atención é que fronte á redución do global de accidentes, aumentaron os sinistros con feridos leves. A concelleira de Seguridade Cidadá evitou vincular este incremento dos accidentes con lesionados de escaso alcance coa picaresca dalgúns condutores e acompañantes para reclamar indemnizacións aos seguros obrigatorios de responsabilidade civil, pois "iso sábeno os inspectores de seguros, non nós,".
En todo o ano pasado os accidentes con feridos leves foron 148 fronte aos 130 de 2012 e neses accidentes houbo 170 persoas prexudicadas. ÿ habitual que non coincidan o número de accidentes con feridos leves coa cantidade de lesionados nese accidente, pois pode haber afectados en máis dun vehículo ou máis dun por vehículo.
A tendencia á redución si se confirma nos accidentes con feridos graves, que descenderon de 21 a 14 nun ano. Nos atropelos detéctase esa mesma situación. Houbo máis que no ano anterior (45 fronte a 37), pero a maioría deixaron feridos leves. Así, en 2013 dos 45 peóns atropelados, 41 non requiriron asistencia hospitalaria e tan só catro tiveron que ser trasladados. En 2012 foran doce, o triple.
Relacionadas:
-
Tráfico invita a Lores a un debate en Madrid sobre a seguridade viaria
Por Redacción |
-
Detectan seis vehículos realizando tarefas de transporte escolar sen autorización
Por Natalia Puga |
-
O guindastre retirou 3.950 vehículos infractores en 2013, un 14% menos que no ano anterior
Por Natalia Puga |
-
Case 9 de cada 10 multas impostas en Pontevedra en 2013 foron por aparcar en zonas prohibidas
Por Alejandro Espiño |
-
O programa municipal de educación viaria chega ás 15 parroquias do rural
Por Alejandro Espiño |
-
As medidas de calmado de tráfico reducen os atropelos, pero os accidentes con feridos graves resístense
Por Natalia Puga |