A X Ruta Cabalar de Cerdedo-Cotobade non lle ten medo ao mal tempo: "Se chove, que chova"
Por Redacción
A X Ruta Cabalar de Cerdedo-Cotobade regresará este sábado 10 de xuño. A saída está prevista para as 15:30 horas desde o Campo de Sión, en Carballedo.
O alcalde en funcións, Jorge Cubela; o tenente de alcalde, Fernando Vázquez; o concelleiro de Deportes, Bruno Portela; e membros da comisión organizadora presentaron a actividade, que prevé celebrarse independentemente das condicións meteorolóxicas deste sábado.
"Se chove, que chova", aseguraron durante a presentación, na que lembraron que esta ruta combina o amor polos cabalos co goce da natureza e da paisaxe.
Cada participante terá que facerse responsable dos posibles danos que poida ocasionar o seu cabalo coa intención de que os xinetes tomen conciencia da necesidade de mirar en todo momento polo comportamento dos seus animais.
Xa pola noite, a partir das 23.00 horas, as persoas participantes na ruta compartirán unha cea servida por Pulpería A Fuchela. O menú inclúe polbo á feira, churrasco mixto, bebida, sobremesa e café a un prezo por persoa de 32 euros (15 euros para menores de 12 anos).
Jorge Cubela felicitou aos membros da organización pola iniciativa que xa cumpre a súa décima edición, confirmando a súa consolidación e respaldo por parte dos amantes do mundo do cabalo.
Tamén animou aos membros da organización a seguir polo camiño da dinamización do mundo rural e do cabalo con iniciativas deste tipo que "son alternativa de lecer na natureza e tamén un atractivo turístico máis", pois favorecen que moita xente se achegue ata Cerdedo-Cotobade e logo regrese coas súas familias, "contribuíndo tamén á dinamización económica".