A UNED presenta os once cursos formativos para este verán en Pontevedra
Por Redacción
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co director do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Víctor Manuel González Sánchez, e do deputado provincial, Carlos López Font, presentou este venres os cursos de verán que a UNED ofertará este 2023 na provincia.
En total serán 11 cursos que se desenvolverán ao longo do mes de xullo en modalidade presencial, en liña e en diferido, e contarán coa participación de profesores e profesoras de todas as áreas do coñecemento, así como especialistas nacionais e internacionais de diferentes organismos e universidades.
Esta oferta de cursos acada este ano o seu 34 aniversario, coincidindo co medio século como centro activo da UNED, e ofrecendo a maior oferta e cobertura territorial do Estado tocando ramas na área das Humanidades e Artes, Ciencias Xurídicas, Psicoloxía e Saúde; sen deixar de lado os cursos de idiomas e formacións en Ciencias como Enxeñería Informática.
A matriculación está dispoñible ata o comezo de cada un dos cursos e non é necesario posuír ningún título previo para poder cursalos. Ademais, terán matrícula reducida os maiores de 65 anos, desempregados, vítimas de violencia de xénero, ademais daqueles pertencentes á comunidade da UNED, entre outros grupos, presentando a documentación pertinente en cada caso.
O director da UNED en Pontevedra, Víctor Manuel González Sánchez, asegurou que "fixemos unha aposta moi potente este ano", mentres que o deputado en funcións Carlos Font destacou o "servizo que presta este centro asociado ao conxunto da provincia", unha tarefa "que as institucións e a cidadanía valoran e que un día precisará un recoñecemento por todo o que a UNED significa para Pontevedra e para as persoas que recorren ao seu método de ensinanza".
En canto aos cursos de verán, sinalou que "son unha idea excelente e cunha oferta inmellorable", e destacou "que cobren o conxunto da provincia e permiten ao alumnado investir o seu tempo en ampliar coñecementos sobre temas moi variados como a economía circular, as redes sociais ou o cambio climático".
Por último, Lores lembrou que a UNED conta con 6.000 anuncios de ensinanza regrada neste intre, mais chegan até 25.000 cos que están facendo cursos de formación a través da mesma, o que fai que o de Pontevedra sexa o centro "máis potente do Estado nese sentido". "Cómpre resaltar que moitas persoas que hoxe teñen unha titulación non a poderían ter, por mor das súas condicións económicas e persoais, se non fose pola UNED" que ademais "axuda a que a cidade sexa unha cidade universitaria aínda máis, a crear unha cidade creativa, con posibilidades de futuro".
OFERTA DE CURSOS
- Centro Penitenciario da Lama: 'La Igualdad como Valor, Principio y Derecho Fundamental", do 26 ao 28 de xuño.
- Lalín: 'Experiencias innovadoras en Educación Infantil en el marco de la LOMLOE', do 17 ao 19 de xullo.
- O Porriño: 'Efectos del cambio climático en España y la problemática de su comunicación', do 5 ao 7 de xullo.
- Pontevedra: 'Estrategias de Economía Circular', do 10 ao 12 de xullo, e 'Intercambios artísticos entre al-Andalus y los reinos cristianos en la Edad Media', do 10 ao 12 de xullo.
- Pontevedra y Escola Naval de Marín: 'Retos para la seguridad de España: una perspectiva público-privada'.
- Portas: '¿Fin de ciclo? Elecciones y encuestas', do 12 ao 14 de xullo.
- Tui: 'Dis/capacidad: sexualidad, violencia y otros desafíos contemporáneos', do 19 ao 21 de xullo.
- Vigo: 'Mujeres: Arte y Cultura en la Edad Media y la Edad Moderna', do 3 ao 5 de xullo, e 'Redes sociales, tecnologías y metodologías emergentes en la enseñanza y aprendizaje de lenguas', do 3 ao 5 de xullo.
- Online: 'Legal English for the European Union: What lies ahead?', do 3 ao 5 de xullo.
A información completa e concreta de cada pode ser consultada na web oficial do centro www.unedpontevedra.es e a través do número de teléfono 986 851 850.
Relacionadas:
-
Un curso da UNED formará contra o acoso a profesionais de centros deportivos e de lecer
Por Redacción |
-
Trinta estudantes participan no campus 'Inglés na miña contorna' da Uned en Portas
Por Redacción |
-
A UNED programa once cursos formativos para este verán en Pontevedra
Por Redacción |
-
Exposición pictórica na UNED de 18 integrantes da Asociación Artístico-Cultural de Pontevedra
Por Redacción |