Un ferrolán, detectado na AP-9 en Vilaboa con 14 quilos de haxix e 400 gramos de cocaína
Por Redacción
Un veciño de Ferrol de 43 anos foi detido esta semana tras ser detectado na autoestrada AP-9 en Vilaboa en posesión de importantes cantidades de haxix e cocaína.
A patrulla da compañía da Garda Civil de Pontevedra realizaba un control na autoestrada AP-9 en Vilaboa o pasado luns e deu o alto a un vehículo que levantou as sospeitas dos axentes.
O condutor presentaba signos de nerviosismo e os axentes decidiron identificalo e realizar un rexistro no vehículo.
Dentro do vehículo, atoparon unha maleta con 13,8 quilos de landras de haxix e debaixo do asento do condutor tamén un paquete con 390 gramos de cocaína.
A Oficina Central Nacional de Estupefacientes valora o haxix localizado en 28.692,49 euros e a cocaína en 23.895,3 euros.
A Garda Civil decidiu deter o condutor por un delito de tráfico de drogas. O home carecía de antecedentes policiais.
O caso lévao o Xulgado de Garda de Cangas.