Melloras tecnolóxicas nos portos pontevedreses permiten un aforro enerxético do 70 % nos bombeos de augas residuais
Por Redacción
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, acadou un aforro enerxético de ata o 70 % nas instalacións de bombeo de augas residuais de sete dársenas pontevedresas grazas a un proxecto de monitorización e seguimento telemático do seu funcionamento. Así o destacou este xoves a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita a Bueu, un dos portos nos que se está a desenvolver esta acción piloto xunto cos da Guarda, Baiona, Cangas, Tragove, Vilanova de Arousa e O Xufre.
A dirixente explicou que este servizo se integra no eixo estrutural de traballo do organismo autonómico para a redución da contaminación mariña que poderían provocar hipotéticas verteduras de augas fecais mediante a instalación de sistemas que posibiliten o control telemático as 24 horas do correcto funcionamento dos bombeos e favorecendo así a mellora da calidade ambiental da augas nas dársenas portuarias.
A implantación deste sistema requiriu da instalación previa de equipamentos de monitorización remota formados por router con tarxeta SIM e antena por cada estación, servizo de comunicacións por SMS e correo electrónico e visualización de datos na nube.
Ese seguimento continuo dos bombeos permite detectar en tempo real as posibles incidencias. De feito, no mesmo momento en que a empresa que presta o servizo recibe o aviso de calquera incidente, comunícao a Portos de Galicia e inicia xa a reparación de urxencia no caso de que sexa necesaria minimizando así o tempo de resposta e as consecuencias da avaría.
Para poder contar con este servizo executáronse distintas intervencións estruturais dos sistemas de bombeo controlados que permiten un aforro enerxético do 70 % e unha estimación do aforro en intervencións de medios humanos do 80 % permitindo unha mellora substancial na eficiencia de funcionamento destes equipamentos.
O novo servizo posto en marcha nestes peiraos da Zona Sur de Portos de Galicia pretende dar resposta ás necesidades xurdidas e á experiencia acumulada nos últimos anos trala realización de distintas intervencións para o correcto funcionamento do sistema de bombeos que supuxeron un gasto de máis de 100.000 euros en reparacións só nos últimos cinco anos.
Este sistema novidoso está a funcionar no porto de Tragove, para as augas residuais industriais da nave de almacén e da lonxa; en Bueu e Cangas, para as augas residuais industriais da lonxa; e no Xufre, na Illa de Arousa, para as augas residuais industriais do conxunto do porto; así como en Baiona e na Guarda.