Policías e gardas civís protestan baixo un mesmo paraugas para reclamar unha xubilación "digna"
Por Oskar Viéitez
Baixo un mesmo paraugas, axentes da Policía Nacional e da Garda Civil compartiron este mércores en Pontevedra una mesma reivindicación.
Convocados pola "Plataforma por unha xubilación digna e a plena equiparación salarial de policías e gardas civís" concentráronse este mércores, ao mediodía, fronte á Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
A mobilización desenvolveuse de maneira simultánea fronte á Delegación do Goberno en Galicia e as subdelegacións de Lugo e Ourense, así como noutras localidades do Estado.
Segundo explicou Sandra Fernández, secretaria provincial do Sindicato Unificado de Policía (SUP) estas accións de protesta tiveron como obxectivo "denunciar os agravios que sofren e poñer fin á inxustiza que viven os integrantes de Policía Nacional e Garda Civil".
Esta Plataforma sostén que a ausencia de índices correctores na idade para unha xubilación "digna" e o "incumprimento do acordo" de Equiparación Salarial publicado no BOE son "unha afronta e unha falta de recoñecemento institucional" para os membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en comparación coas policías autonómicas e locais.
Isto "menospreza a dedicación e sacrificio que como profesionais da seguridade pública desenvolvemos", destacan.
Tamén apuntan que resulta "inaceptable" que aqueles que velan pola seguridade cidadá "se vexan obrigados a afrontar condicións de retiro precarias" despois de anos de servizo debido a non ser considerados traballadores de risco e a ausencia dos xa citados índices correctores.
"Somos as forzas e corpos de seguridade con máis responsabilidade de todo o Estado e trátannos como á última merda", engade Agustín Vigo, secretario da Confederación Española de Policía en Galicia.
A Plataforma, composta pola práctica totalidade de sindicatos de Policía e asociacións da Garda Civil, representando a máis de 140.000 funcionarios, fai un chamamento ás forzas políticas e á sociedade en xeral para que "se poña fin a esta inxustiza".