Roubo entre rascadelas e empuxóns para levar unha crema de 105 euros na rúa Oliva
Por Natalia Puga
As dependentas da droguería 'Muchas' da rúa Oliva compartían na tarde deste martes a súa "indignación" polo último roubo que sufriron no local. Nos últimos tempos perderon xa a conta dos episodios similares que viviron, pois detectaron un "incremento" importante de roubos e furtos no último ano, pero que sexan feitos habituais non lles resta enfado.
Nesta ocasión, o roubo ocorreu sobre as tres da tarde deste martes, cando había no establecemento catro empregadas, unha delas a piques de irse porque terminara a súa quenda. Entrou unha muller "muy bien vestida" que "parecía una clienta" e mesmo mantivo unha conversación cunha das traballadoras, á que relatou que acababa de estar de vacacións en Lanzarote.
A continuación, percorreu varias zonas do local. Xusto cando ía saír, "le pitó" o detector de seguridade instalado na porta do negocio, de modo que unha das dependentas pediulle que volvese pasar. Cando o fixo, volveu soar, de modo que lle pediron que entregase o que levaba, pero ela "se quería ir" e tentou escapar.
As traballadoras detivérona e, xa na rúa, puxéronse ante ela "para tratar de pararla para que no se fuera". Non houbo forcexeo, pero si que "arañó a una compañera" e "la empujaba" para tratar de librarse dela.
Finalmente, "logramos sacarle lo que tenía en el bolso" e tanto as empregadas como varias testemuñas alertaron á Policía. De inmediato, acudiron unha patrulla da Policía Local e outra da Policía Nacional.
A suposta ladroa foi identificada pola Policía Nacional e púidose recuperar o obxecto que roubaba e que fixo saltar a alarma, unha crema de fronte valorada en 105 euros.
Agora, desde a tenda van formalizar unha denuncia, á que prevén achegar as gravacións das cámaras de seguridade. Tamén o poñerán en coñecemento dun departamento especial de roubos que ten a empresa, ao que trasladan todos os furtos e roubos que se producen.
As empregadas comparten a súa "indignación" e "enfado" polos roubos continuos e tamén polo tipo de produtos que levan os ladróns, pois "no roban cosas que necesiten, no es ni de primera necesidad ni de segunda ni de tercera".
No último ano, "todas las semanas" hai algún roubo en comercios da zona e atópanse con ladróns ou ladroas que "cuando les pillas, bajan la cabeza", pero non é o caso da sospeitosa deste martes, que se resistía e non deu sinais de arrepentimento.