Unha quincena de alumnos con necesidades educativas especiais iniciaron as probas de selectividade na Once
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Son preto de 13.000 os alumnos que en toda Galicia empezaron este martes cos exames de selectividade, ou máis correctamente a ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade). De todos eles hai 15 estudantes que viñeron a facer a proba a Pontevedra, ao Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE.
Segundo explica Iván Area, presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), este ano son 15 estudantes con circunstancias persoais moi variadas pero cun denominador común todos eles teñen unhas "necesidades educativas especiais" e no CRE dispoñen de todas as condicións para que poidan realizar a proba de acceso á Educación Superior con "todas as garantías".
Este ano hai varias persoas con problemas visuais, de motricidade, e non só cuestións físicas senón que tamén hai estudantes con algún tipo de trastorno que require unha "atención específica" como pode ser un espazo illado.
"Hai alumnado que ten adaptacións durante todo o período educativo e logo hai adaptacións que son de última hora como un neno que rompeu unha man", explica Iván Area, no caso deste alumno necesitou a axuda dunha amanuense á que tivo que ditar as respostas do exame para que esta asescribise.
Tamén hai unha persoa que está hospitalizada sendo o profesorado da CIUG o que se traslada ao centro sanitario para que este alumno tamén poida facer o exame.
O exame é o mesmo para todos, pero nestes casos adáptanse os tempos ás condicións que precisa o alumno para facer as probas "da maneira máis cómoda e cunha atención moi personalizada" pois "bastante presión teñen xa coa ABAU", afirma Iván Area.
No CRE dispuxeron exames en braille, outros impresos en textos cun formato adaptado, ou mesmo con síntese de voz ademais de medios técnicos como ordenadores, ou un paralex que é un conxunto de regras que se coloca sobre o taboleiro da mesa de debuxo para trazar liñas paralelas rectas. Area aínda lembra que o ano pasado deuse a circunstancia de que un alumno tivo que facer o exame de debuxo técnico "ao ditado".
Iván Area informou que este ano a Comisión Interuniversitaria de Galicia mobiliza a "ao redor de mil persoas, entre vixiantes e persoas que corrixen".
"O Centro de Recursos Educativos da ONCE é unha sorte que temos en Galicia, só hai cinco centro como este en toda España, e para nós poder contar con este centro e poder facer as adaptacións que require o alumnado ano tras ano é unha sorte para a CIUG, para o alumnado e para as familias", concluiu Area.