Unha semana de Orgullo en Pontevedra para "tecer diversidades" contra a violencia
Por Alejandro Espiño
Máis de 280.000 persoas LGBTIQA+ foron agredidas en España no últimos cinco anos e só dous de cada dez, segundo os datos oficiais, denunciárono. A iso súmase que un 30% de todo o colectivo sufriu acoso pola súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero.
Ante esta realidade, Pontevedra considera "especialmente importante" reivindicar a necesidade de implantar redes de axuda e apoio contra esta violencia "creando espazos seguros, reclamando os dereitos do colectivo e facéndolle fronte aos novos e vellso discursos de odio".
Así o subliñou a edil de Igualdade, Yoya Blanco, que presentou este martes a programación que, coa colaboración das asociacións Arelas e Avante LGBT+, deseñou o Concello de Pontevedra para conmemorar a semana do Orgullo.
Este programa de actividades desenvolverase entre o luns 12 e o sábado 17 de xuño baixo o tema "Tecendo diversidade contra a violencia" e que incluirá conferencias, un ciclo de cinema, unha manifestación reivindicativa e unha gran festa no parque do río Gafos.
Os actos comezarán o día 12, ás 11:00 horas, coa inauguración da instalación artística que colgará do balcón da Casa da Luz; e ás seis da tarde coa homenaxe na Praza da Peregrina a Juan Ucha Villaverde, coñecido como 'Juanito o Meregildo'.
Foi un veciño de Pidre (Cerponzóns), que vendía froita e ovos polos mercados de Pontevedra. Homosexual recoñecido, sufriu a represión, os abusos e a intolerancia dunha sociedade que non aceptaba a súa disidencia sexual.
As conferencias sobre asuntos relacionados coa comunidade LGBTIQA+ tamén comezarán ese luns, ás 19:30 horas na Facultade de Belas Artes, cunha charla sobre autodefensa legal e a lei trans, impartida polo xurista Miguel Vieito.
Haberá ademais, no mesmo escenario e hora, unha conferencia sobre o acoso escolar LGBTIfóbico (martes 13) co psicólogo Miguel Calvo ou un encontro sobre saúde sexual (mércores 14) co médico Hadrián Pernas.
Este ciclo continuará no Centro Social A Pedreira o xoves 15 cun encontro de persoas discapacitadas na comunidade LGBTIQA+ con Max Suárez, Nee Barros e Daniel Jorge; e o venres 16, sobre persoas queer e deporte, con Dylan Núñez, Alicia Arruti e Marta Colón.
A maiores, a librería Seijas acollerá o venres 16, ás seis da tarde, a actividade Contos de Cores, con Alba Blanco, dirixida a nenos e nenas de 4 a 10 anos.
FESTA NO PARQUE DO RÍO GAFOS
O colofón a esta conmemoración será o sábado 17 de xuño, a partir das 13:00 horas, coa Festa do Orgullo, que se celebrará durante todo o día, só interrompida pola manifestación reivindicativa que unirá a Praza do Hospital e a Praza de España ás oito da tarde.
Esta festa comezará con música ambiente e cunha sesión vermú amenizada por Projecto Mourente (14:00 horas), tras a cal haberá unha comida popular na que os asistentes poderán adquirir diferentes produtos nos postos de venda habilitados.
A partir das catro da tarde haberá talleres de pintura e confección de chapas, contacontos para toda a familia a cargo de Cris de Caldas ou unha sesión musical de tarde con Cabaré de Marinita e as súas Maromas e con O Rabelo.
A fin de festa chegará, entre as dez da noite e a unha da madrugada, coas sesións dos DJ Palito, Gorllitoxx e Cayazzo.