Denuncia o furto de 500 euros no seu quiosco da ONCE e pide colaboración para dar coa sospeitosa
Por Mónica Patxot & María José Pita
Rafael Pereira Currás leva 34 anos afiliado á ONCE.
Dende hai pouco tempo despacha no quiosco de venda de cupóns da Praza de Galicia en Pontevedra, onde o pasado venres 26 de maio levou unha desagradable sorpresa.
Entre as 12:00 e as 13:00 horas, chamoulle a atención que unha señora se achegase ata o seu quiosco e nun movemento estraño se agachase xunto á porta lateral. Rafael pensou que se lle caera un cupón dos que ten colgados no interior desta porta e que esta muller llo recollía.
Ademais, resultoulle especialmente sospeitoso que se marchase pola parte de atrás do quiosco, por un tramo de beirarrúa moi estreito polo que non é habitual camiñar, xa que linda coa estrada.
"Pensei que me caera un cupón e que a señora o levaba, así que como levo o chaleco corporativo, saio detrás e acompáñoa uns metros para ver se me di algo, se reacciona dalgunha maneira", relata o axente vendedor da ONCE.
Como non estaba seguro do que ocorrera, Rafael decidiu desistir do intento de alcanzar a esta muller. O gran susto viría pouco despois, ao comprobar que non era un cupón o que lle faltaba senón 500 euros.
"Ao ver que non me faltaban cupóns, mirei a carteira e xa me dei conta que faltaban 500 euros. Era a recadación de varios días, o diñeiro dos cupóns e os rascas. Tíñao en billetes de 50 dobrados de dous en dous un encima do outro", apunta Rafael Pereira.
A este axente vendedor élle imposible lembrar en que momento puidéronselle caer os billetes. "Quizais abrín a porta para falar con alguén ou por calquera cousa, caen e non me dou conta". Con todo, para el non ten explicación que unha persoa vexa os billetes xunto ao seu quiosco e "polo menos preguntar se é teu, se se che caeu, e máis cando a acompañas uns metros por se che di algo".
Ao día seguinte, o sábado 27 de maio, Rafael Pereira puxo a correspondente denuncia na Policía Nacional, pero alberga poucas esperanzas de recuperar o seu diñeiro, especialmente porque a muller da que sospeita non tiña aspecto de delincuente habitual. "A señora vestía elegante, educada, con clase, non parecía necesitar o diñeiro", laméntase.
Sobre a captación destes detalles, o axente vendedor da ONCE aclara que "teño unha visión practicamente como os demais, simplemente que a curta ou a moi longa distancia dificúltame a visión, pero a media distancia vexo case ao completo".
Ademais de á Policía Nacional, Rafael Pereira comunicouno na oficina da ONCE, situada fronte ao seu quiosco, pero, como nos indica, só o fíxo a título informativo. "Á ONCE só se lle notifica en casos de atraco", aclara.
Rafael Pereira preguntou na próxima cafetería Plaza e na tenda de electrodomésticos contigua e de ampla cristaleira se viran pasar a esta muller para completar a descrición e poder localizala. Ante o infrutuoso das súas pescudas, fai un chamamento a calquera persoa que presenciase a escena entre as 12:00 e as 13:00 horas do pasado venres 26 de maio para que poidan achegar algún dato. Mesmo apela á muller sospeitosa: "calquera persoa ten dereito a equivocarse e se rectifica, benvido sexa, e agradeceráselle".
Para este axente vendedor da ONCE o furto destes 500 euros da recadación de varios días supón unha fenda importante na súa economía. "Repercúteme en que a cantidade exacta de 500 euros é o que eu teño que poñer do meu peto, literalmente. Non é ganancia, é recadación, téñoo que repoñer íntegro e repercúteme nunha porcentaxe importante no soldo deste mes".