A pasarela peonil de madeira de Estribela "cae a cachos", segundo denuncia o PP
Por Redacción
A pasarela peonil que comunica a praza do Marqués de Valterra coa zona do porto de Marín, no barrio de Estribela, atópase nun estado de "absoluto abandono", coas varandas rotas, a madeira podre e co chan escorregadizo. ÿ a denuncia que fai o Partido Popular, despois de que os concelleiros Jacobo Moreira e María José Rodríguez Teso acudiran a comprobar que esta instalación "cae a cachos".
Nun comunicado, o Partido Popular asegura que o presidente da asociación de veciños San Andrés, Diego Moledo, transmitiulle aos concelleiros populares o malestar dos residentes polo perigo que supón o actual estado deste paso elevado, e informoulles de que o pasado venres xa presentaron por escrito no Concello una petición formal para que se arranxe canto antes a infraestrutura.
O "desprezo e deixamento" do goberno de Fernández Lores cara Estribela, segundo Moreira, non é novo. Considera "sintomático e moi escandaloso" que os veciños leven case dous anos agardando pola poda das palmeiras da praza, as situadas no contorno das pistas de fútbol e baloncesto, a pesar de que, sinalan os veciños, o alcalde lles dixo que xa se lle transmitira ao encargado da empresa concesionaria Elsamex a necesidade de programar estes traballos.
Xa a pasada semana, o voceiro do PP fíxose eco das queixas de Estribela pola redución do número de prazas para aparcamento na praza do Marqués de Valterra derivada da reordenación da mesma aplicada polo Concello.