A reflexión dos políticos pontevedreses, entre unha voda, tempo coa familia e o derbi de Pasarón
Os políticos pontevedreses, como é habitual, deixáronse ver nesta xornada de reflexión dunha maneira totalmente diferente á que nos teñen afeitos.
Horas antes da batalla electoral deste 28M, todos eles gozaron dun momento de tranquilidade.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fíxoo acompañado de toda a súa familia. Acudiu coa súa muller, os seus fillos e as súas netas para tomar un aperitivo á Praza da Leña. Iso si, antes cumpriu coas súas obrigacións e oficiou unha voda civil no Pazo de Mugartegui.
"Esta foi unha das campañas máis intensas que lembrou. Hoxe é día de descansar e estar coa familia, dedicarlle o tempo que non puiden estes quince días", explicou Fernández Lores.
Ata Cambados, pola súa banda, foise a pasar esta xornada de reflexión o candidato do PP á Alcaldía, Rafa Domínguez, que quixo asistir a un torneo de fútbol infantil no que participaba o seu fillo, xogador do Porteiro 2000.
Será para el un sábado de marcado carácter futboleiro porque, tras ver xogar ao seu fillo, a súa previsión é acudir a Pasarón para presenciar o partido entre o Pontevedra e o Deportivo.
Alí cruzarase, previsiblemente, co candidato do PSdeG-PSOE, Iván Puentes, que tamén irá ao estadio pontevedrés, como é costume nel, para gozar deste derbi galego.
Pero antes, ao mediodía, tivo tempo para distraerse, acompañado por membros da súa candidatura, tomando un vermú na terraza dun local de hostalería da cidade, xunto á coñecida como Fonte dos Nenos, na Glorieta de Compostela.
"Está a ser un sábado normal facendo o que fago habitualmente nun día asollado, gozar do latexar fermoso de Pontevedra nas fin de semana e estar na rúa", explicou o líder socialista.
María Rey, candidata de Espazo Común, optou por pasar esta xornada acompañada dos seus dous cans, Kinder e Cooper, cos que deu un longo paseo pola cidade.
Tras cumprir con compromisos laborais na asesoría na que traballa, puido acudir ao Pavillón Municipal para ver o partido que enfrontaba ao Cisne co Guadalaxara.
Desde Vox, respecto desta xornada de reflexión, indicaron que o seu candidato á Alcaldía de Pontevedra, Manuel Torres, pasará todo o día coa súa familia.