Alfonso Rueda saca a relucir o seu espírito moteiro por Bueu na antesala do 28M
Por Alejandro Espiño
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, optou por aproveitar a xornada de reflexión para as eleccións municipais deste domingo participando na concentración de motos que se celebra en Bueu.
Coñecida a súa afección polas dúas rodas, Rueda acudiu ao evento na súa moto BMW, acompañado polo presidente do PP en Pontevedra, Luís López, e a candidata popular á Alcaldía de Bueu, Elena Estévez.
Ataviado co correspondente casco e coa cazadora propia deste tipo de vehículos, o presidente galego mantívose fiel a esta cita, na que xa participara o pasado ano.
"Había mes e medio que non collía a moto e xa tiña ganas", comentou nada máis chegar.
Na concentración de motos de Bueu, organizada polo Motoclub Moteiros do Morrazo, participaron preto de duascentas persoas chegadas desde diferentes puntos de Galicia e outras partes do Estado, entre elas Asturias, Cantabria e Canarias.