Pontevedra volve 'rillar na rúa' e entrégase aos manxares das gastronetas
Oito propostas gastronómicas participan esta fin de semana na feira itinerante Rilla na Rúa, que ten en Pontevedra a primeira parada desta nova edición. O parque de Tafisa foi o lugar elixido para o encontro do público con 'foodtrucks' chegadas de toda Galicia.
Tras interromper a súa actividade pola pandemia, o festival gastronómico regresou con forza e centos de persoas achegáronse a degustar os produtos dos oito participantes, entre as que houbo tamén opcións veganas e sen glute.
Así, entre as ofertas que puideron degustar os asistentes, estaban os pratos elaborados por Baden Baden, que ofreceu diversos tipos de salchichas alemás; as pizzas de Los Piratas de Loiba ou as arepas e cociña venezolana preparadas por La Chama.
Hai ademais comida mexicana da man de El Cartel de Mamá Fina, cociña de autor no posto de Misco-Mida ou propostas estadounidenses en American Food Truck.
A cociña sen glute de La Pavoneta, con hamburguesas, wraps ou gofres na súa carta; ou a comida e repostería vegana de La Vanneta completan a oferta deste Rilla na Rúa.
Ademais de todas estas propostas gastronómicas, Rilla na Rúa ofrece actividades infantís e actuacións musicais en directo. Tras a actuación de A Banda Senlleira de Rocabalos o venres, este sábado foi a quenda de Dalsi.
A oferta musical complétase este domingo (22:00 horas), co concerto de Jacobo Sainz.
O mercado artesanal e as 'foodtrucks' abrirán as súas portas desde as doce do mediodía.