
© Deputación de Pontevedra
Entregan os anteproxectos que aspiran a renovar o convento: "Aquí está o futuro de Santa Clara"

Por Oskar Viéitez
"Aquí está o futuro de Santa Clara". Así o dixo este venres o vicepresidente César Mosquera ao amosar a documentación dos cinco anteproxectos aspirantes para rehabilitar o convento das clarisas e convertelo en parte do Museo de Pontevedra.
Todas as equipas finalistas (as firmas Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela) entregaron a documentación en tempo e forma esta semana e agora abrirase o proceso de deliberación do xurado para escoller a proposta gañadora.
Os traballos recibíronse na Deputación tanto por vía dixital como fisicamente, e de maneira anónima baixo lema, xa que o xurado non pode coñecer nada sobre as equipas autoras.
As lendas elixidas foron 'Revelación', 'Abrente', ' Piedra y madera', 'Verbas da Pedra' e 'Os inicios'.
O vicepresidente sinalou que "todos os pasos están indo moi ben. Podería terse dado o caso de que alguén non se presentase pola complexidade ou porque tiña outros traballos, pero presentáronse todos".
O luns constituirase o xurado e abriranse os sobres, e os días 5,6 e 7 da vindeira semana as persoas integrantes do tribunal reuniranse "sen fin", destinando as horas que sexan necesarias para facer a proposta de adxudicación. Despois, a equipa gañadora iniciará a redacción do proxecto definitivo, que debería estar listo a finais de ano.
En canto ao financiamento para as obras, o vicepresidente Mosquera sinalou que non houbo ningunha reclamación na modificación de crédito aprobada en Pleno recentemente, polo que subliñou que hai sete millóns de euros máis na Deputación consignados para realizar a reforma.
Relacionadas:
-
O PP pide a "inmediata cancelación" da reunión do xurado que vai valorar os anteproxectos de Santa Clara
Por Oskar Viéitez |
-
Constituido o xurado que avaliará os anteproxectos para a rehabilitación de Santa Clara
Por Redacción |
-
A finais de 2023 agárdase o inicio da rehabilitación dos edificios históricos do Museo coa inclusión da conexión soterrada
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Concello instalará paneis informativos nos monumentos históricos e dará un novo uso ao CITA