Axuda de 300.000 euros para rehabilitación de vivendas e actuacións de mellora no casco histórico de Combarro
Por Redacción
O Concello de Poio disporá de 300.000 euros para levar a cabo melloras en inmobles e vivendas que pertenzan á Area de Rehabilitación de Combarro (ARI).
Estes fondos acádanse ao abeiro da convocatoria aberta por primeira vez en 2022 polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, que permite obter subvencións dos fondos europeos Next Generation, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Tamén forma parte desta iniciativa o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.
Estas axudas irán destinadas a inmobles nos que polo menos o 50% da superficie edificada sobre rasante teña un uso residencial de vivenda.
A contía dos importes en cada caso dependerá do grao de eficiencia enerxética acadado coa actuación de rehabilitación que se execute. Deste xeito, poderase cubrir desde o 40% ao 80% do orzamento, cun máximo por vivenda de 29.425 euros.
Ademais, tamén se contempla unha achega adicional, de ata 12.000 euros, en caso de que fose necesaria a retirada de elementos con amianto. Outra das características do convenio é que a subvención pode chegar ao 100% do investimento para persoas propietarias que se atopen nunha situación económica vulnerable.
Por outra banda, parte destes 300.000 euros tamén poderán investirse en actuacións impulsadas desde o Concello de Poio, que sirvan para urbanizar ou mellorar a contorna do ARI, unha liña na que xa se vén traballando ao longo dos últimos anos.
Na páxina web do Concello de Poio existe un espazo específico sobre o ARI, no que é posible descargar documentación e resolver dúbidas. Así mesmo, tamén é posible solicitar asesoramento chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1241) ou enviando un correo electrónico á dirección ari_combarro@concellopoio.gal.
A oficina do ARI tamén dispón de horario de atención ao público, de luns a venres de 9.00 a 14.30 horas (e mércores de 17.00 a 20.00 horas, neste caso con cita previa).