O alumno de hostalería con maior destreza en cervexa está no Carlos Oroza

Por Redacción
Alumnos de nove escolas galegas de hostalería competiron na Coruña para poñer a proba a súa cultura en cervexa e as destrezas no seu servizo. E, entre todos eles, foi un estudante do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra o que se erixiu como gañador.
Jorge Domínguez foi recoñecido como o mellor representante do futuro da hostalería galega grazas ás súas habilidades cervexeiras, tras executar un servizo perfecto e demostrar todos os seus coñecementos sobre a cultura cervexeira.
Logrou impoñerse aos outros catro finalistas, entre eles Ayrton Rodrigo Nieto, do CIFP Fragas do Eume de Pontedeume, que se situou en segunda posición nesta competición que incluíu diversas probas teóricas e prácticas ao redor da cervexa.
O xurado deste certame, organizado por Estrella Galicia, destacou o "altísimo nivel" de execución de todos os participantes e a súa "profunda preparación previa" nesta materia.
Durante as últimas semanas, profesores dos centros participantes habían impartido aos alumnos un programa formativo que, baixo os criterios establecidos por Estrella Galicia, tiña como obxectivo fomentar o coñecemento e as dinámicas do servizo de cervexa.
O gañador do certame, que recibiu un premio de 600 euros, poderá participar ademais no Campionato Nacional de Tiraxe de Cervexa Estrella Galicia.