Investigan cinco persoas por maltratar unha vaca que apareceu moribunda con mordeduras de cans en Campo Lameiro

Por Natalia Puga
A Garda Civil mantén en calidade de investigadas a cinco persoas como presuntas responsables dun delito de malos tratos e abandono animal pola súa actuación cunha vaca que tivo que ser eutaniasada en Campo Lameiro.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, a patrulla do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) de Caldas de Reis citou como investigados a tres veciños de Campo Lameiro, un de Vigo e un quinto de Moraña, todos con idades comprendidas entre os 19 e os 31 anos.
A investigación comezou o 11 de maio, cando se tivo coñecemento a existencia dunha vaca morta e nunha paraxe de Campo Lameiro. O veterinario municipal tivo que eutaniasala por acharse en estado moribundo despois de ser maltratada.
No lugar había indicios de que a vaca podía estar atada cunha corda a unha árbore que había ao seu lado e tamén signos dun suposto maltrato. A vaca tiña mordeduras do que posiblemente podían ser cans de gran envergadura.
Para esclarecer os feitos resultou fundamental a existencia dun vídeo no que se ve o proceso polo que atan e suxeitan con cordas á vaca e logo saen varias persoas e cans grandes que poderían ser os responsables das posibles mordeduras que presenta o animal.
O veterinario confirmou que eses cans podería ser os responsables das mordeduras e as dilixencias do Seprona foron postas ao dispor do Xulgado de Garda de Caldas de Reis.