Aclaración do Sergas ante a denuncia dunha nai á que non permitiron acceder á sesión de fisioterapia do seu bebé
Por María José Pita
A raíz do caso publicado en PontevedraViva onde a nai dun bebé que acode ao Servizo de Rehabilitación da Unidade de Atención Temperá do Hospital Provincial de Pontevedra denunciaba que lle impedían acompañar ao seu fillo durante a sesión de fisioterapia, desde este servizo puxéronse en contacto con este medio para aclarar cales son os criterios que se adoptan nas sesións con estes menores.
A doutora María Teresa Jorge Mora, a xefa do Servizo de Rehabilitación da Unidade de Atención Temperá do Hospital Provincial, admite que "no último mes viñeron dúas persoas reclamando a entrada continua ao tratamento". En ambos os casos, engade que "nós lles explicamos que a Unidade non ten unha norma de 'non se pode pasar', senón que tentamos, e cada vez máis, que as familias participen do tratamento, e non permitir só en determinados momentos ou ante determinadas intervencións que estean presentes os pais", comenta a doutora Jorge.
"A Unidade de Atención Temperá contempla un equipo de traballo no que as familias deben de formar parte, pero hai momentos, hai terapias onde nese momento o papá ten que esperar fóra, se non a intervención non vai ser eficaz, é dicir, é incompatible facer unha estratexia terapéutica puntualmente co pai dentro da sala, porque necesitamos a implicación, a concentración do neno, onde debemos centrar a súa atención para conseguir un movemento. E isto está comprobado que a presenza de máis persoas dentro da sala interfere e imposibilita facer o exercicio", apunta a doutora Jorge.
Esta forma de traballo, insiste a facultativa, "responde a criterios técnicos, con evidencia científica. O fin sempre é buscar a estratexia terapéutica que teña os mellores resultados posibles".
Puntualiza que esta separación é "momentánea", xa que "as sesións de tratamento son moi curtas", habitualmente de non máis de media hora. "Entre que o papá entra na sala, a terapeuta explícalle o que imos facer, recólleo e facemos outra intervención, realmente son uns 15 minutos onde vai estar a terapeuta co neno directamente para facer esa intervención estratéxica".
A doutora Jorge matiza que mesmo "hai intervencións nas que é posible que o papá estea todo o tempo".
Nas que non é posible a presenza do acompañante xunto ao neno, "pedímoslle con educación que ten que esperar nunha sala que está á beira, contigua, coa porta sempre aberta, e nunca vai estar na sala o terapeuta só co neno, sempre hai máis xente e presérvase esa seguridade". Mesmo engade que se lle ofrece nalgúns casos a posibilidade de gravar a sesión e despois mandarlles o vídeo.
A xefa do Servizo de Rehabilitación insiste en que "sempre lle explicamos aos papás o que se vai a facer, como se vai facer, e logo explicámoslles os exercicios que lle recomendamos para facer na casa", unha colaboración coas familias indispensable pola idade do paciente e o tipo de patoloxías que se tratan.
A Unidade de Atención Temperá do Hospital Provincial leva máis de 30 anos de funcionamento e na actualidade atende a aproximadamente 320 menores de entre 0 a 6 anos.