Anulada a cita media hora antes, un novo capítulo para a nai que reclama acompañar o seu bebé na sesión de fisioterapia
Por Mónica Patxot & María José Pita
Despois de facer público o seu caso a través dun escrito publicado en PontevedraViva, de recibir unha numerosa resposta por parte doutras persoas afectadas e obter unha aclaración por parte do Sergas, a pontevedresa Tamara Campos acudía este venres 12 de maio ao Hospital Provincial Pontevedra, onde o seu bebé tiña vez ás 15:00 horas para recibir a sesión de fisioterapia no servizo de Atención Temperá.
A sorpresa producíase media hora antes da cita. Ao redor das 14:30 horas, Tamara recibía unha chamada desde o Hospital Provincial informando de que a cita estaba anulada porque, segundo lle comunicou telefonicamente o coordinador de Fisioterapia, a fisioterapeuta asignada collera unha baixa. "Paréceme moi curioso que xusto media hora antes de eu chegar se dean conta de que esta chica collera a baixa, que por outra parte ten todo o dereito".
Xa co neno preparado, decidiu achegarse igualmente ata o Hospital Provincial á hora fixada para poñer unha reclamación e tratar de que lle indicasen unha nova data para recuperar a sesión anulada, sen éxito. "Espero que me recuperen esta sesión máis adiante porque é un dereito de meu fillo, recomendáronllo aquí desde o Hospital, entón se non ma dan, teranma que devolver. Esta e a da semana pasada que non recibiu, claro. A semana pasada cando me dixeron que non podía acompañalo non entramos ningún dos dous, nin eu nin o neno".
Paralelamente, nas últimas horas tamén conseguiu unha resposta á última reclamación que presentou. "Acaban de contestarme tamén á reclamación e din que nas sesións ten que haber un criterio técnico para ver se se pode acompañar ou non ao menor. Entón eu vin aquí e pedín que se me puxeran por escrito eses criterios técnicos ou evidencias científicas polas cales unha nai non pode acompañar o seu fillo e non mas dan, porque según parece é unha normativa interna. E como é interna do Sergas, non ma van a proporcionar".
Na visita ao centro hospitalario deste venres 12 de maio informáronlle que a única vía era presentar unha nova queixa. "Dixéronme que teño que ir falar con Atención ao paciente que, ademais, está pechado ata o luns ás nove da mañá. Entón agora non teño a quen queixarme porque non me dan nada por escrito e non recollen as miñas queixas. Eu poñerei agora unha reclamación a través da aplicación do Sergas, e o luns virei falar con Atención ao paciente a ver se me proporcionan eses estudios científicos e onde teñen recollidos eses criterios médicos, que é curioso que só os teñen en Pontevedra, se tal que llos pasen aos de Vigo porque os pobres non os teñen".
Tamara Campos confesa que esta situación para ela non é fácil de levar, con tres nenos na casa e o máis pequeno aínda lactante. Con todo, asegura que vai continuar coas súas reclamacións. Nas últimas horas empapelou o seu coche con carteis informativos cun código QR para acceder ao seu escrito de denuncia.
"En principio, como eu teño sesións todos os venres, o venres que vén estarei de novo aquí [no Hospital Provincial] e a ver se me atenden ou me volven a dicir que a miña fisioterapeuta está de baixa. Eu creo que van intentar facer iso ata tentar darme a alta e sacarme de en medio, creo que é o que están pretendendo", laméntase.
Esta nai afirma que lle están chegando casos de outras persoas afectadas e iso impúlsalle a seguir adiante coa súa reclamación ante o que considera unha vulneración dos seus dereitos e os do seu fillo.
Relacionadas:
-
A Plataforma Loita convoca unha xuntanza con familias que viron vulnerados os dereitos dos seus fillos polo Sergas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Para que nos serve un plan de parto que non se vai respectar?", a denuncia de tres nais fronte ao sistema
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Nace unha plataforma cidadá para que ningún menor estea só durante os tratamentos médicos
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Vitoria agridoce: déixanlle entrar a fisioterapia co seu bebé ao tempo que lle denegan o acceso a outra nai
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Aclaración do Sergas ante a denuncia dunha nai á que non permitiron acceder á sesión de fisioterapia do seu bebé
Por María José Pita |
-
Torrente de reaccións á denuncia dunha nai por non permitirlle acompañar o seu bebé nunha sesión de fisioterapia
Por María José Pita |