Torrente de reaccións á denuncia dunha nai por non permitirlle acompañar o seu bebé nunha sesión de fisioterapia
Por María José Pita
"Impídenme acceder á sesión de fisioterapia do meu bebé lactante enfermo no Hospital Provincial". Con este título tan ilustrativo, a pontevedresa Tamara Campos fixo chegar á Redacción de PontevedraViva unha carta de denuncia da situación que viviu no Hospital Provincial de Pontevedra cando o persoal lle impediu acompañar o seu bebé na segunda sesión de fisioterapia que recibía por mor dunha doenza.
Esta nai de tres nenos non entende que se lle impedise o acceso na que era a segunda sesión de fisioterapia do seu bebé, mentres que na primeira sesión entrou sen problema. Tamara aclara que esa primeira vez "o meu fillo conseguiu facer toda a sesión de fisioterapia e non chorou, non se queixou, fixo todos os exercicios, e eu leveille uns xoguetes que sei que funcionan para traballar con el, paseille as cousas e colaborei en toda a sesión". Por iso non comprende que puido fallar para que lle negasen o acceso a seguinte vez. "Eu ía toda feliz e tal como entrei, mandáronme saír".
Non comprende que puido fallar para que lle negasen o acceso a seguinte vez
A razón que lle deu o persoal sanitario para impedirlle acompañar o seu bebé foi que era por preservar a intimidade da outra menor que había na sala. "Que os nenos están vestidos! Pero bueno, se o argumento é que podes ver ao outro neno, pois colles un biombo, pólo no medio e se acabou o problema, é o que che fan nos hospitais cando te operan".
Tamara pediulle ao persoal que recollese por escrito que se lle requería como persoa acompañante dun menor a que permanecese na sala de espera. O persoal negouse. "Dixéronme que non me ían dar nada por escrito e que xa me chamaría o coordinador". Cando a chamou, conta Tamara que non concretou nada, polo que ela lle preguntou se lle ía dar algún argumento aparte dos que xa lle deran relativos ao protocolo e á intimidade do outro neno. O coordinador contestoulle que non, e que tampouco lle ía dar ningunha resposta por escrito. Ante estas negativas, Tamara sinaloulle que entón ía ter que darlle visibilidade a este problema por outra vía.
Tamara puxo dúas reclamacións ante o Sergas, pero a resposta do Servizo Galego de Saúde non lle aclarou nada
Tamara puxo dúas reclamacións ante o Sergas, pero a resposta do Servizo Galego de Saúde non lle aclarou nada. "Teremos en conta a súa reclamación" e "para o Sergas son moi importantes os menores" son algunhas das frases coas que replica o servizo público. En ningún dos escritos consta unha explicación sobre o porqué desta medida ou se se vai revisar. A Tamara cónstalle que en outros hospitais dependentes do Sergas si permiten entrar os acompañantes dos menores. "Simplemente chamei a Atención Temprana de Vigo e confirmáronmo".
Nas últimas horas, esta nai elevou a súa reclamación ante a Valedora do Pobo.
Neste sentido, a Lei 8/2008, de 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle no seu artículo 7, en relación aos "Dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente", o "dereito das persoas menores a estar acompañadas polos seus pais, titores ou gardadores". Comenta Tamara que nas últimas horas recibiu o apoio de moitas persoas que lle foron enviando normativas e lexislación resaltada, e á vista destes textos decátase de que as persoas que a atenderon "non teñen como xustificar o que están facendo".
POR QUE TE METICHES NISTO?
Ao fillo de Tamara Campos quédanlle poucas sesións de fisioterapia, a máis inmediata na xornada deste venres. Por iso, hai unha pregunta obrigada que, asegura, lle teñen formulado: "Por que te metiches nisto?".
Coñecer outros casos complicados é a razón que lle leva a seguir adiante coa súa reclamación
Tamara conta que coñecer outros casos complicados é a razón que lle leva a seguir adiante coa súa reclamación. "Como tiven que agardar ata que me chamasen case unha hora vin entrar moitos nenos en fisioterapia e se me caía a alma aos pés. Eu sei que me van dar a alta en breve, pero pensei en outras nais que non poden pelexar".
A partir da publicación do seu escrito en PontevedraViva o pasado mércores 10 de maio e de ser compartido en redes sociais, desencadeouse un torrente de reaccións e mensaxes de apoio. "A min estame escribindo un montón de xente, estou abrumada. Nais en situacións moi complicadas, que non se atreven a denunciar porque eses fillos van ter que seguir indo alí toda a súa vida". Tamara tamén comprobou que afortunadamente tamén profesionais da fisioterapia estaban compartindo e, sobre todo, debatindo este caso.
PontevedraViva trasladou este caso á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e de momento non houbo resposta.
Relacionadas:
-
A Plataforma Loita convoca unha xuntanza con familias que viron vulnerados os dereitos dos seus fillos polo Sergas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Para que nos serve un plan de parto que non se vai respectar?", a denuncia de tres nais fronte ao sistema
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Nace unha plataforma cidadá para que ningún menor estea só durante os tratamentos médicos
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Vitoria agridoce: déixanlle entrar a fisioterapia co seu bebé ao tempo que lle denegan o acceso a outra nai
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Consolidada a función asistencial da Unidade de Linfedema do Complexo Hospitalario
Por Redacción |
-
Anulada a cita media hora antes, un novo capítulo para a nai que reclama acompañar o seu bebé na sesión de fisioterapia
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Aclaración do Sergas ante a denuncia dunha nai á que non permitiron acceder á sesión de fisioterapia do seu bebé
Por María José Pita |