Malestar veciñal pola inseguridade que provoca a acumulación de coches abandonados no parque de Tafisa
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A presenza de coches abandonados nun dos aparcamentos do parque de Tafisa colmou a paciencia de moitos veciños da zona e persoas que pasean a miúdo por esta zona verde. O último suceso tivo lugar a pasada madrugada cando un destes vehículos abandonados comezou a arder ao redor das tres da madrugada por causas que aínda se investigan.
Aínda que estes coches parecen non ter dono, a actividade ao seu carón non cesa. Moitos son asaltados para retirar pezas que acaban sendo vendidas no mercado de segunda man e outros o empregan como refuxio improvisado xerando sucidade á súa ao redor. "É unha zona onde aparcan autocaravanas de turistas que veñen visitar a nosa cidade e que imaxe levan. Vaia vergoña", protesta sen ocultar que está farto un dos residentes neste barrio.
Os afectados esixen a intervención do Concello e no goberno local están ao tanto da problemática. Pero é un trámite administrativo o que está a atrasar a solución. A retirada destes residuos sólidos urbanos estaba adxudicada a unha empresa externa, o contrato expirou e o proceso de contratación tivo que reiniciarse. Tan pronto como termine o concurso, que está na súa fase final, estes vehículos serán despezados de forma inmediata.
"Témolos declarados como residuos sólidos urbanos e tan pronto como adxudiquemos o novo contrato serán retirados inmediatamente da vía pública", asegura Iván Puentes, responsable do departamento de Desenvolvemento Sostible no Concello de Pontevedra.
No últimos tres anos retiráronse máis de 15 vehículos abandonados na contorna de Tafisa, recoñece o concelleiro socialista, que sitúa Valdecorvos e Mollavao como os dous outros puntos quentes "porque son zonas apartadas".
Dá por feito o edil que na maior parte destes casos trátase de vehículos que foron roubados ou están implicados nalgún tipo de delito cuxos responsables abandonan en zonas pouco transitadas e acoden a el puntualmente para ir quitándolle pezas e vendelas no mercado de segunda man. Aínda que tamén se deron casos de persoas que non poden afrontar os gastos de mantemento do mesmo ou que compraron outro vehículo e abandonan o antigo ata que acaba por converterse nun residuo.
Un dos casos máis rechamantes é o Golf vermello de Valdecorvos, que forma parte dun acto penal que está aínda sen resolver, polo que desde o Xulgado denegan o permiso que o Concello a solicitado en reiteradas ocasións para retiralo da vía pública.
Unha vez que no Concello detectan un caso de vehículo abandonado inician o proceso para a súa retirada, que se divide en dúas partes. A primeira é comprobar que o coche leva máis de trinta días sen moverse. Unha vez confirmado ese extremo, as autoridades tratan de poñerse en contacto co propietario. Se move o vehículo, problema arranxado. Pola contra, o Concello actúa coa apertura do expediente para declaralo como residuo sólido urbano.
O primeiro paso é publicar a declaración no BOE e advertir da súa inminente retirada. Unha vez cumpldo o prazo, é unha empresa especializada a encargada de retiralo, despezalo e dalo de baixa en Tráfico.
É esta última parte do proceso a que está agora mesmo paralizada en Pontevedra e que, tan pronto como se resolva o proceso de adxudicación, retomarase a campaña. "Estamos co proceso de adxudicación", afirma Puentes, puntualizando que agora mesmo "no canto de retiralos de forma masiva, estamos a retirar os que supoñen un perigo real", explica.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Un novo incendio calcina dous coches abandonados nun aparcamento xunto ao parque de Tafisa
Por Diego Espiño |
-
Inician os trámites para retirar outros dezaseis coches abandonados en Pontevedra
Por Redacción |
-
Abertos 22 expedientes de coches abandonados en Pontevedra no que vai de ano
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
A retirada de vehículos abandonados nas rúas de Pontevedra esténdese ás bicicletas
Por Redacción |
-
O Concello retoma a súa cruzada contra os coches abandonados na vía pública
Por Redacción |
-
Retirados quince coches abandonados nas rúas da capital nas últimas semanas
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello prepárase para retirar 37 vehículos abandonados, unha Vespino e dúas bicis
Por Redacción |