Avalían os danos causados polo último temporal para subsanalos "o antes posible"
O temporal que azoutou Pontevedra nos últimos días deixou un regueiro de incidencias e danos que serán emendados "o antes posible", segundo o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. Deuse orde aos servizos técnicos para que evalúen a situación e poder cuantificar así o investimento necesario. Será, en todo caso, unha cantidade "non moi elevada", porque se trata de pequenas intervencións.
Entre as incidencias que provocou o mal tempo, Raimundo González sinalou a aparición de bolsas de auga en Otero Pedrayo, a Avenida de Bos Aires, A Seca e A Piolla (Lérez), a inundación dunha vivenda en Tomeza, colectores tirados polas rúas, tapas de sumidoiros levantadas no Gorgullón, desprendimentos na rúa Rouco, un incendio nun cadro de Fenosa na rúa Alhóndiga ou a caída dun noiro no acceso a Monte Porreiro.
O temporal provocou danos en vías públicas, zonas verdes e mobiliario urbano e foi especialmente visible no paseo fluvial do río Gafos, que se inundou en gran parte dos seus tramos. En todo caso, o concelleiro nacionalista afirmou que "non é tanto o que se ve como os danos ocultos que xenera", ao recordar que este tipo de estragos "fan diminuir a vida útil dos bens", o que a longo prazo obrigaría a substituílos por completo.
Dentro destas pequenas reparacións incluiranse tamén dúas actuacións que aínda que non están relacionadas con este último temporal "causan problemas continuamente". Trátase da renovación dun treito dos sumidoiros na rúa Alcalde Hevia por valor de 9.000 euros e a renovación da rede de pluviais e fecais entre os números 35 e 39 da Avenida de Vigo. Serán 21.000 euros para a instalación dun novo colector.
Raimundo González explicou, doutra banda, as obras que se realizarán na rede de subministro de auga nas inmediacións da rúa Alemania de Monte Porreiro. Afirmou que en ningún momento produciuse corte algún do servizo aos usuarios, senón que se detectaron certas filtracións na rede que obrigarán a renovar 36 metros de tubaxes de fecais e pluviais entre as rúas Eirín e Cambria.
Relacionadas:
-
Preocupación en Sanxenxo pola imaxe "desoladora" que deixou o temporal nas súas praias
Por Redacción |
-
Gandeiros e agricultores piden axudas por graves danos do temporal
Por Redacción |
-
As brigadas provinciais actúan de urxencia para reparar danos provocados polo temporal
Por Redacción |
-
Cortan a rúa Otero Pedrayo ante a crecida do río Gafos
Por Redacción |
-
Balsas de auga obrigan a cortar durante cinco horas a autovía entre Pontevedra e Marín
Por Diego Espiño & Diego Torrado |