Os "baños de bosque" arrancan con gran éxito cun paseo por Tambo
Por Redacción
Unha ruta de 2,5 quilómetros, hora e media de duración e dificultade baixa por un enclave natural e histórico cheo de espazos para desfrutar con toda a intensidade dos "baños de bosque". Así foi este domingo o percorrido do programa Bosques Terapéuticos pola illa de Tambo.
Os participantes chegaron á illa desde o porto de Combarro e foron guiados por Sergio Portela e Siegrun Bischof, sempre coas pautas da camiñada en silencio, a desconexión dos móbiles e a respiración profunda para gozar do momento e sentirse parte desta experiencia.
O paseo percorreu parte das 28 hectáreas de Tambo, na que a pesar de haber unha notable presenza de eucalipto e acacias hai elementos naturais fermosos, como é o caso da praia Area Grande e o seu sistema de dunas, o faro, os peiraos ou os restos do lazareto e do polvorín.
Este enclave foi o máis demandado de todos os que a Deputación incluíu nesta iniciativa.
As prazas para a vindeira visita a Tambo, prevista para o 20 de maio, xa están esgotadas.
Aínda quedan outros catro percorridos previstos na illa pontevedresa os días 25 de xuño, 2 e 22 de xullo e 6 de agosto. Para o primeiro deles, a inscrición abrirá o próximo 15 de maio.
Relacionadas:
-
Sen prazas para as rutas dos 'Bosques Terapéuticos' de agosto
Por Redacción |
-
Aberto o prazo de inscrición para os oito baños de bosque previstos pola Deputación
Por Redacción |
-
En 30 minutos esgotáronse as prazas nos oito roteiros dos "Bosques Terapéuticos" do mes de maio
Por Redacción |
-
As visitas á illa de Tambo, tamén para escolares
Por Redacción |
-
Amplían as viaxes a Tambo debido ao éxito de participación na Semana Santa