'Pratos de avoas' no mercado de abastos para "celebrar o que nos identifica"
Un cartel de "degustación gratuíta" recibía este venres aos compradores habituais e aos visitantes que se achegaron ata o mercado de abastos. Con ese reclamo, como era de esperar, a expectación era máxima. O gastromercado cheo, como nos seus mellores tempos.
Nada máis subir as escaleiras, o aroma da comida preparada polo alumnado do Carlos Oroza arroupaba aos ávidos comensais. Eran pratos dun menú no que, baixo a supervisión dos seus profesores, estiveron traballando desde hai semanas.
Os futuros cociñeiros profesionais que se están formando nesta escola de hostalería pontevedresa volveron a ser os protagonistas do programa Degusta Europa, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra para dinamizar os mercados de abastos.
Nesta ocasión, ademais, o Carlos Oroza quixo inspirarse no labor que impulsan desde hai un tempo, a recuperación das receitas tradicionais das avoas, pero "aderezadas coa modernidade do século XXI", segundo os seus responsables.
Así, nesta xornada gastronómica serviron unha reinterpretación da empanada de bacallau con pasas, unha tosta de sardiña con pementos e patacas, unha sobremesa e dúas bebidas, ponche de Sansón e o que denominaron como queimada 4.0.
Degusta Europa, segundo destacou Carmela Silva, volveu a servir para "unir os grandes produtos que temos nas Rías Baixas cunha ampla variedade gastronómica que nos permite celebrar Europa e o que nos identifica".
Silva, tras encomiar o gran labor do Carlos Oroza, escola que definiu como "unha das mellores que hai en todo o Estado", avanzou que a próxima edición deste programa, a proposta do propio centro de hostalería, involucrará aos colexios.
O director da escola, Manuel Hermo, mostrou a súa satisfacción por participar de novo nunha iniciativa que "encaixa perfectamente" no seu plan formativo e que, ao apostar por receitas tradicionais, "conéctanos coa nosa parte máis emocional".
Entre as autoridades que acudiron a esta degustación gastronómica estiveron tamén o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, que foi ao estar ausente o alcalde; e a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco.
Relacionadas:
-
O mercado de Pontevedra, un laboratorio pioneiro en España
Por Natalia Puga |
-
O alumno de hostalería con maior destreza en cervexa está no Carlos Oroza
Por Redacción |
-
Os mercados de Pontevedra e Cambados celebrarán o Día de Europa homenaxeando a cociña das avoas
Por Oskar Viéitez |
-
Sabores de República Checa, Países Baixos, Bélxica e Irlanda inundan o mercado de Pontevedra
Por Redacción & Diana Eiras |