A actriz Isabel Blanco exercerá de madriña da VII Andaina Saudable e Solidaria 2023
Por Redacción
O luns 1 de maio ás 17.00 horas no Campo de Fútbol Beiramar celebrarase a sétima edición da Andaina Saudable e Solidaria 2023, que organiza a Asociación Mulleres Rurais de Castrelo As Saiñas, de Castrelo-Cambados.
Este ano, a proposta ten como nova causa recadar fondos para a Fundación Andrea, de Santiago de Compostela, unha organización que axuda a escolares con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. No acto participará Amaya Castro, directora da Fundación Andrea.
Tamén asistirá a actriz e presentadora galega Isabel Blanco, que exercerá como madriña do evento solidario.
A camiñada é de libre acceso para todos os públicos, completamente gratuíta, na entrega do dorsal poderanse realizar doazóns que serán entregadas integramente á Fundación Andrea. Cada participante recibirá unha froita e unha botella de auga ao terminar o percorrido de ao redor de nove quilómetros.
Tras esta actividade realizaranse sorteos, instalaranse inchables para público infantil, photocall e establecerase a cantina do CF Veteranos de Castrelo nun acto amenizado polo DJ Javi Solla.