Transición Ecolóxica asume a estratexia "Pontevedra Flúe" e promete financiala con 25 millóns
Por Alejandro Espiño
A práctica totalidade dos proxectos incluídos na estratexia "Pontevedra Flúe", segundo anunciou o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, serán asumidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica con cargo aos fondos europeos Next Generation.
Isto permitirá, asegurou o representante municipal, "adiantar en máis dunha década" a data prevista de finalización de todos as actuacións contempladas neste plan, deseñado para renaturalizar diferentes espazos do municipio.
Así, o Goberno promete desbloquear a recuperación de varios espazos naturais estratéxicos situados en dominio público marítimo terrestre e investir neles uns 25 millóns de euros.
Unha das actuacións será a renaturalización completa da ribeira e o paseo do río Lérez, entre a Ponte dos Tirantes e a autoestrada AP-9, substituíndo a configuración actual por unha ribeira verde, con zonas de estar e pendente suave que permitan chegar ata auga ao longo de Rafael Areses, Xoán Manuel Pintos e Domingo Fontán.
A restauración, mellora ecolóxica e paisaxística de toda a Xunqueira de Alba incluirá, pola súa banda, os terreos do parque de maquinaria e a imprenta provincial, a parcela de Costas en Domingo Fontán, todos os terreos libres entre a rúa Martín Códax e a canle de desembocadura da Xunqueira e toda a zona de humidal.
Tamén se actuará na parcela situada diante do Pavillón dos Deportes, facendo compatible o seu uso actual como aparcadoiro disuasorio cunha estética máis natural; e en todos os terreos que Costas ten na contorna desta instalación deportiva.
O cuarto proxecto comprometido por Costas é a recuperación da antiga parcela do campo de fútbol de Ponte Sampaio, que triplicará a actual superficie de praia e de zona verde, ampliará a zona destinada a aparcamento e xerará unha nova infraestrutura para deportes acuáticos.
Queda por ver agora se, no caso desta última actuación, Costas asume o proxecto presentado hai unhas semanas polo alcalde de Pontevedra.
O compromiso acadado coa Dirección Xeral de Costas, segundo detalla Puentes, inclúe a licitación, contratación e execución de cada unha das obras previstas e, no caso da Xunqueira de Alba e de Ponte Sampaio, tamén a redacción do proxecto.
"Ademais de recuperar e gañar para todos estes espazos naturais, son actuacións que xerarán emprego na nosa cidade e crearán novos recursos turísticos que atraerán a máis xente a Pontevedra", sentenciou o concelleiro socialista.
Relacionadas:
-
A Deputación completa a demolición dos seus inmobles para a rexeneración da Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Conxura socialista para que Pontevedra "esperte" e poder "meterlle unha nova marcha" á cidade
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Lores acusa a Costas de "sabotear" os intereses de Pontevedra: "Decidiron non facer nin deixar facer"
Por Alejandro Espiño |
-
A Costas suscítalle "dúbidas" o vial proxectado en Mollavao e cuestiona a súa viabilidade
Por Alejandro Espiño |
-
Anabel Gulías, portavoz do goberno local, sobre Costas do Estado: "nin fai nin deixa facer"
Por Juan Manuel García Tajes & Anxo Lourido |
-
Iván Puentes e Yoya Blanco descobren as oportunidades da Nova Bauhaus Europea
Por Oskar Viéitez |
-
Mollavao é o exemplo máis "preocupante" da "parálise" de Costas aos proxectos do Concello
-
Cinco millóns para rexenerar toda a Xunqueira de Ponte Sampaio e duplicar o tamaño da súa praia fluvial
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra traza unha "revolución verde e azul" con 20 millóns para que os seus ríos "non estean illados"
Por Alejandro Espiño |