Rouba 76 xoias de ouro valoradas en 12.000 euros e malvéndeas por 4.960
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un mozo de Pontevedra por furtar 76 xoias de ouro do domicilio dun familiar e máis tarde as malvender en establecementos de compravenda de artigos usados de Vigo.
As pezas de ouro estaban valoradas en 12.000 euros e vendeunas por 4.960 euros, segundo puido comprobar a Policía Nacional unha vez que o detivo e localizou as xoias roubadas.
Os feitos remóntanse ao 30 de outubro. Unha veciña de Pontevedra interpuxo unha denuncia na Comisaría na que daba conta da substracción no seu domicilio de varias xoias valoradas en máis de 12.000 euros.
A denunciante manifestaba que as portas de acceso ao seu domicilio non presentaban síntomas de ter sido forzadas, polo que sospeitaba que a subtracción debía de ter sido cometida por alguén que tivese acceso á súa casa.
Os investigadores conseguiron determinar que o presunto autor da substracción fora un familiar próximo que vendera varias cadeas, pendentes e aneis que a denunciante recoñeceu como súas. O mozo, de 22 anos foi detido o 5 de novembro e posto a disposición xudicial.