Os Reis Magos apuran as últimas compras e desbancan a Papá Noel
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Papá Noel está a gañar a batalla en moitos puntos. Coa súa zorra chega cada noite do 24 ao 25 de decembro a cada vez máis casas de España, pero en Pontevedra segue quedándose atrás. Os Reis Magos continúan desbandándo lle e deixan os regalos na noite do 5 ao 6 de xaneiro a máis nenos pontevedres. O 63% fronte ao 37%, segundo unha enquisa da Asociación Provincial de Bazares, Tenda de xoguetes e Artigos de Regalo.
O reto non é doado e para iso as súas Maxestades de Oriente apuran cada hora de traballo. Nestes últimos días enviaron os seus elfos por todas as tendas de xoguetes da provincia e a actividade está a ser frenética. Antes de que os comercios pechen o domingo 5 entre eles e Papá Noel terán gastado 11,83 millóns segundo a citada enquisa: 4,36 Santa Claus e 7,47 millóns os Reis Magos.
Un dos comercios nos que o seu paso se notou moito este Nadal é Imaginarium. Alberto, o seu encargado, explica que este ano "se adelantaron a noviembre a hacer las compras" e iso motivou que algúns xoguetes como unha máquina de coser leva esgotada dúas semanas e media e xa sexa imposible encontrar un telescopio que fabricaron este ano por primeira vez.
En Imaginarium da rúa Joaquín Costa levan semanas recibindo enviados dos Reis, pero é sen dúbida dende o xoves día 2 dende o que se incrementou a afluencia. Os seus traballadores andan dun lado a outro entregando aqueles xoguetes que os pontevedreses escribiron que querían na súa carta anual enviada a Oriente. Este ano "hay furor por un tractor" e tamén "por los juegos de siempre, los que imitan a los mayores, como un maletín de médico o una caja de herramientas", pero unha das estrelas destas festas está a ser a tableta electrónica.
Este reinado dos regalos electrónicos e informáticos deixouse notar en todas as tendas de xoguetes e comercios pontevedreses. Entre os xoguetes que máis pediron os Reis este ano destacan as tabletas, diversos tipos de videoxogos ou os populares Angry Birds, segundo a citada enquisa.
Os personaxes de televisión, os protagonistas das series de debuxos animados e de horario infantil e os personaxes de películas que recentemente se estrearon no cine fanlle competencia. Os peluches de Peppa Pigg, o Diario Secreto de Violeta, os Minions, a balea Blu Blu, o camión das Tortugas Ninja ou a fada voadora Flying Fairy figuran entre os máis demandados.
O xogos de Dragóns ou Hedbanz, Orbeez Spa Cife, o xogo Gastón Cabezón ou o peluche de Pou, o popular protagonista do xogo electrónico completan a lista dos regalos que máis chegarán este ano ás casas dos nenos pontevedreses de menos de 14 anos, nos que se centrou a enquisa.
Os regalos para os maiores de 14 serán menos variados. Os máis frecuentes serán os artigos de deporte, a roupa, os ordenadores, as bicicletas, os xogos para videoconsolas ou ordenadores e os equipos informáticos como tabletas, ordenadores, móbiles ou reprodutores MP4.
De media, os Reis Magos e Papá Noel terán deixado o 7 de xaneiro, cando volvan abrir os comercios tras o festivo de Reis, un investimento de 126,14 euros por neno para esta celebración que está a punto de caer, aos que haberá que sumar os 75,36 euros que xa gastaran para o Día de Nadal. De media, cada pontevedrés menor de 14 anos recibirá entre a súa casa e as dos seus familiares e amigos tres xoguetes. Para facelo posible, espérase entre este sábado e este domingo unha actividade frenética en tendas e rúas.