A APDR acode á Unión Europea contra a prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) vén de solicitar á Secretaría Xeral da Comisión Europea que se lle teña como parte interesada no Expediente incoado a España polas irregularidades cometidas á hora de outorgar distintas concesións administrativas no dominio público marítimo-terrestre, entre outras a correspondente á fábrica de ENCE en Lourizán.
De acordo co informado publicamente pola Comisión Europea, a lexislación que aplica o estado á hora de conceder estas prórrogas, incumpre o establecido na lexislación europea.
Segundo sinala Defensa da Ría, dunha banda, porque a Lei 2/2013 coa que o Goberno permitiu a prorroga das concesións, fixa uns prazos de até 75 anos para as amentadas prórrogas, "un prazo moi superior ao permitido pola lexislación da Unión Europea".
Ademais, o colectivo ecoloxista engade que "a normativa española, atenta contra a libre competencia ao conceder, na práctica, unha renovación automática da concesión, expresamente prohibida pola Directiva Europea 2006/123".
Para a APDR, a prórroga de 60 anos concedida polo Goberno de Mariano Rajoy a ENCE no 2016, "non só incumpre a normativa europea, senón tamén a establecida polo Estado español", que fixa para as concesións un prazo máximo de permanencia no dominio público marítimo terrestre de 75 anos, incluíndose neste prazo as posibles prórrogas concedidas, "un prazo que neste caso supérase amplamente".
Así mesmo, a APDR solicita da Comisión, que se lle faga chegar a información até agora existente no expediente e, ao tempo, se lle faga partícipe de todas as actuacións que, en adiante, se leven a cabo polos medios que esa comisión mellor considere.
Pero, máis alá da solicitude formal de acceso á información existente, con esta decisión a APDR quere facer unha declaración pública de que as sentenzas ditadas polo Supremo, que posibilitan a permanencia de Ence na Ría, "non van impedir que continuemos na loita -por todos os medios ao noso alcance- pola recuperación da Ría e, xa que logo, pola saída da fábrica de Lourizán".
A directiva da APDR manifesta que "non debera esquecer ninguén que a sentenza ditada pola Audiencia Nacional que deu a razón á APDR e anulou a prórroga ilegal de ENCE, segue sendo firme, nin que, cando se aborde a casación no Tribunal Supremo, os maxistrados deberían considerar o contido neste expediente da Comisión Europea".
Neste sentido, o colectivo ecoloxista recomenda ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda "que sexa prudente nas súas declaracións".
"Somos conscientes da súa desmedida dilixencia na defensa dos intereses de ENCE, unha dilixencia servil que quedou patente ao exerceren de recadeiro da empresa diante da presidenta da Deputación para tratar de conseguir a cesión do Pazo de Lourizán ao grupo pasteiro" afirma a APDR.
Engaden os ecoloxistas que Alfonso Rueda "debera saber que, por riba dos seus intereses particulares, ten a obriga de defender os dereitos da cidadanía, entre os que se atopa o dereito ao medio ambiente, á recuperación do dominio público marítimo-terrestre, e ao futuro, un futuro que para a Ría de Pontevedra, pasa pola eliminación da fábrica de celulosa".
Finalmente, a directiva da APDR destaca que "na defensa deses dereitos cidadáns, na loita contra a permanencia de ENCE en Lourizán e pola recuperación do futuro da Ría, estaremos sempre na APDR; porque nin as sentenzas inxustas, nin moito menos os desexos da Xunta de Galicia, vannos facer desistir no noso empeño".
Relacionadas:
-
O Supremo confirma a permanencia de Ence ao rexeitar os incidentes de nulidade do Concello e o Estado
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A APDR muda a "Marcha contra Celulosas" para o domingo 25 de xuño
Por Redacción |
-
O Estado tamén pide a nulidade da sentenza do Supremo sobre Ence
Por Oskar Viéitez |
-
O beneficio de ENCE duplícase tras a sentenza do Supremo que garante a permanencia da fábrica de Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE retoma o seu plan social, que manterá "durante el tiempo de vigencia de la prórroga y del disfrute pacífico de la misma"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
ENCE investirá na fábrica de Lourizán "lo que sea necesario" para que sexa "competitiva"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Lores lamenta que o presidente da Xunta recomende ao Concello "que abandone o seu dereito a defender a ría"
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Un equipo liderado por un ex ministro de Zapatero asume a loita xudicial do Concello contra ENCE
Por Alejandro Espiño |