Andrés Díaz remata a rolda de presentacións da súa candidatura nas 33 aldeas de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
Andrés Díaz, o candidato socialista á Alcaldía de Ponte Caldelas, pechou este sábado na Casa da Cultura de Ponte Caldelas o calendario de presentación de candidatura que o levou a percorrer nas últimas seis semanas todas e cada unha das 33 aldeas de Ponte Caldelas.
O pasado 24 de febreiro, o actual alcalde da localidade iniciou as presentacións do candidato polo rural do municipio, que se foron desenvolvendo todas as fins de semana (venres, sábado e domingo) baixo o lema de campaña "Ponte Caldelas Primeiro!".
Nestes actos, ademais de explicar a xestión feita nos últimos oito anos á fronte do Goberno de Ponte Caldelas e anticipar proxectos de futuro para o municipio, Díaz presentou ao equipo que o acompaña na candidatura coa que aspiran a revalidar a maioría absoluta nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio.
Andrés Díaz sinalou algún dos "logros" deste mandato como "reducir a débeda herdada á metade, manter os impostos conxelados durante os últimos oito anos, conseguir que Ponte Caldelas sexa dos poucos concellos galegos que medre en poboación, e que o leve facendo durante seis anos seguidos, e converter un municipio que estaba en total decadencia nun concello en cheo de actividades, de cultura, de deporte, en definitiva, nun concello vivo, activo e que atrae a familias que queren criar aquí ós seus fillos".
"Cos nosos acertos, cos nosos erros, propoñemos seguir traballando con rigor, seriedade, adicación e con cariño pola nosa Ponte Caldelas", dixo Díaz.