As cifras no sector público "evidencian unha clara desigualdade" entre homes e mulleres
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou esta mañá a xornada 'Mulleres no sector público: retos para a igualdade aquí e agora' coa que se clausurou o programa de actividades organizado pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra con motivo da celebración do Día Internacional da Muller.
Duranto o acto, Larriba quixo reivindicar o traballo do Goberno en prol das mulleres no eido das Administracións Públicas e lembrou que "a igualdade é, para este Executivo, unha política básica de carácter transversal e un valor estratéxico, fundamental para alcanzar unha sociedade máis xusta, desenvolvida e cohesionada. Se avanzan as mulleres, se avanzan as empregadas públicas, tamén avanza a administración e toda a sociedade", subliñou.
Neste senso, lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez introduciu reformas como o III Plan de Igualdade da AGE, que "promove un cambio cultural e organizativo e consolida o principio de igualdade de trato e de oportunidades, sensibilizando e formando ás empregadas e empregados públicos, apoiando a conciliación e a corresponsabilidade, así como o fortalecemento das estruturas de igualdade", ou o protocolo de acoso sexual na AGE, que pronto será aprobado e que supón "un fito na visibilización e prevención desta problemática".
En definitiva, lembrou a subdelegada, "este Goberno traballa para que a administración dos próximos anos sexa unha administración máis paritaria e feminista, que asegure a prestación duns servizos públicos de calidade á cidadanía, e que, á súa vez, garanta os dereitos das súas empregadas e unha igualdade real e efectiva".
De feito, segundo os últimos datos de Función Pública, as cifras evidencian unha clara desigualdade. As administracións públicas contan hoxe con 57 mulleres por cada 100 postos de traballo, hai sectores, como a Educación ou a Sanidade, onde a presenza feminina supera o 70% e, pola contra, en sectores como as Forzas Armadas ou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a presenza masculina é moi superior.
A subdelegada tamén recordou que as mulleres continúan sen acceder en igualdade de condicións aos postos directivos, xa que só o 30% deste tipo de postos están ocupados por mulleres. Neste senso, a subdelegada denunciou que "o teito de cristal segue sendo unha materia pendente para as administracións, e demolelo é unha tarefa urxente".
A xornada deste venres realizouse en colaboración coa Asociación de Mulleres no Sector Público, da que forma parte a poñente convidada á actividade, Mar Rodríguez Mediavilla. Esta asociación aglutina a todas aquelas mulleres que traballan nas diferentes administracións públicas, co único obxectivo de dar maior visibilidade ao talento e ao traballo que desenvolven.