Un festival para opoñerse á instalación do parque eólico Carballoso, que afectará na Lama
Por Redacción
A Plataforma Sur da Dorsal Galega organiza un festival de música, poesía, un roteiro e un coloquio para dar a coñecer os valores naturais e culturais do Suído e mostrar a oposición á instalación do megapolígono eólico Carballoso, que afectará na Lama.
O I Festival do Suído celebrarase o día 15 de abril na Laxe, Fornelos de Montes, e será a primeira dunha serie de actividades que promove a Plataforma para dar a coñecer o Suído e sumar apoios na súa defensa. Entre outras iniciativas, están a desenvolver unha campaña en redes sociais con imaxes e vídeos de persoas que se animan a sumarse co cancelo #SonSuido.
Alertan dos perigos que ameazan ao monte, de maneira especial, o parque eólico Carballoso que se instalaría entre A Lama, Fornelos e Avión e prevé estar composto por dez aeroxeneradores de grande dimensión que producirían 51MW de potencia e que conta co visto bo do Ministerio de Transición Ecolóxica. "Carballoso é a ameaza inminente", pero están previstos 9 parques máis ao longo de toda a Dorsal que suporían un total de case 200 aeroxeneradores e converterían un espazo natural único nun polígono industrial.
Desde a Plataforma tamén defenden que se trata dun "atentado ecolóxico que sería un golpe mortal para algunhas das especies animais vulnerábeis que se atopan na zona e afectaría ás turbeira e brañas que son elementos de especial protección e a áreas de grande interese paisaxístico recoñecido oficialmente entre outros moitos tesouros deste territorio que é un catálogo de bens a protexer. Añaden que, "en 2011, estaba previsto a inclusión do territorio na Rede Natura e o proceso foi aparcado porintereses políticos para beneficiar o espolio eólico".
Esta serra conta cunha extensión dunhas 25.000 hectáreas compartidas entre os concellos da Lama, Covelo e Fornelos de Montes (provincia de Pontevedra) e Avión e Beariz (Ourense). No territorio destaca a presenza de mámoas e petróglifos que falan da historia do territorio e, posteriormente, foron construíndo elementos relacionados coa produción gandeira como son os chozos, cortellos, os foxos do lobo ou os sequeiros. A serra asiste ao nacemento dos ríos Verdugo, Oitavén, Tea e Navia e nos seus cursos prodúcense unha importante colección de fervenzas como a tan recoñecida de Casariños, na Laxe, ao pé de onde se vai desenvolver o festival.
I FESTIVAL DO SUÍDO
O programa foi presentado este venres por Carme Carreiro, Xavier Oitavén e José de la Riera, representantes da Plataforma Sur da Dorsal Galega, e indicaron que iniciarase ás 11:00 horas cun roteiro que incluirá no seu percorrido elementos característicos do Suído, desde construcións en pedra seca até elementos naturais de especial valor, conducido por persoas que coñecen ben o territorio. A seguir, iniciarase o programa artístico na sesión vermú, coa participación de poetas como Silvia Penas, Miriam Ferradáns, Anxo Angueira e Ana Fernández.
A música correrá a cargo de Su Garrido, Tino Baz, Antilia e Tonhito de Poi e o coloquio incluirá a participación de especialistas na riqueza natural e patrimonial do Suído como son Xosé Lois Vilar, Xosé Prendes, Xulio Eiroa e Adela Figueiroa.
O encontro desenvolverase na área Recreativa da Airoa, na parroquia da Laxe, concello de Fornelos de Montes.
Relacionadas:
-
Petición parlamentaria para integrar a Serra do Suído na Rede Natura 2000 e protexer o seu patrimonio etnográfico
Por Redacción |
-
"Ollo cos Agapitos", alerta en Campo Lameiro para evitar a proliferación de proxectos eólicos
Por Redacción |
-
Os veciños de Amil denuncian a destrucción de petroglifos nas obras do Parque Eólico Acibal
Por Redacción |
-
Fronte común en Antas contra o parque eólico de Monte Peón
Por Redacción |
-
Bará advirte da tramitación "irregular" para crear o parque eólico Carballoso, que afectará na Lama
Por Juan Manuel García Tajes & Anxo Lourido |