O aparcamento disuasorio en Lourizán e o tramo de Marín, próximos pasos na humanización da PO-546
Por Redacción
A Xunta de Galicia licitou este xoves as primeiras actuacións que se enmarcan na segunda fase da humanización da PO-546, a vella estrada entre Pontevedra e Marín. Os traballos comezarán co aparcamento disuasorio previsto en Lourizán e a reforma do tramo de Marín.
Ambos proxectos teñen un importe global de 1,5 millóns de euros. As empresas interesadas en executalos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de abril.
A maior parte deste investimento, ata 1,1 millóns, será para actuar no trazado da PO-546 polo termo municipal de Marín, segundo explica a Xunta de Galicia.
Así, humanizaranse 129 metros da rúa Concepción Arenal, entre as rúas da Estrada e da Roda; 360 metros da rúa Concepción Arenal, entre a rúa da Estrada e a rotonda das Áncoras; e 204 metros da rúa da Ponte, é dicir, en toda a súa lonxitude.
Os traballos consistirán na execución de beirarrúas cun mínimo de dous metros de ancho, no fresado e reposición de firmes e na execución de pasos de peóns sobreelevados, nos que haberá vaos peonís con pavimento podotáctil para facilitar a accesibilidade.
A actuación tamén inclúe a disposición de novo alumeado e a reposición da sinalización e balizamento, así como a colocación de novos sumidoiros e a reposición dos servizos afectados.
No aparcamento, que estará entre a vía de acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección da estrada de conexión da PO-546 co núcleo do Rozo, investiranse preto de 350.000 euros.
Terá unha superficie total de 2.465 metros cadrados, o que permitirá habilitar un total de 71 prazas de estacionamento en batería. Dúas delas estarán reservadas para persoas con mobilidade reducida, segundo costa no proxecto licitado.
A situación deste aparcadoiro disuasorio considerouse idónea ao atoparse nesta vía principal de comunicación entre Pontevedra e o resto da comarca do Morrazo, facendo as funcións, tanto de carpooling, como vinculado ao transporte público.
Na contorna dos 300 metros do aparcadoiro existen catro paradas de autobús que comunican a cidade de Pontevedra con Marín, convertendo o emprazamento nun lugar de intercambio modal.
Relacionadas:
-
A reforma do primeiro treito da PO-546 en Estribela estará rematada en quince días
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
COVSA construirá o aparcadoiro disuasorio de Lourizán por 304.000 euros
Por Redacción |
-
Novo aparcadoiro público gratuito para 45 prazas na rúa República Arxentina
Por Redacción |
-
Acometen labores de mantemento nos aparcadoiros públicos gratuítos do centro urbano marinense
Por Redacción |
-
Seis empresas optan a executar as obras do aparcamiento de Ameal
Por Redacción |
-
Unanimidade na Corporación provincial para traspasar á Xunta a Finca e o Pazo de Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
A finais de 2024 será "unha realidade" a reformada estrada Pontevedra- Marín, para que "queden definitivamente unidos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O Consello da Xunta aproba o proxecto dun aparcadoiro disuasorio na estrada vella de Marín
Por Redacción |
-
Comeza a transformación integral da PO-546 en Estribela para que sexa máis segura para os peóns
Por Oskar Viéitez |