Chega 'Primavera en Poio' para ir abrindo boca para sete meses de música
Por Redacción
O Concello de Poio suma unha nova iniciativa á súa actividade musical e lúdica, ‘Primavera en Poio’, que servirá para iniciar un ciclo de concertos e actuacións gratuítas durante os vindeiros sete meses.
O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, presentou este mércores o cartel completo da programación da primeira edición do ‘Primavera en Poio’, que traerá ao municipio a varias das grandes orquestras de referencia de Galicia, así como con grandes grupos.
O ciclo abrirá este venres coa actuación do Grupo América de Vigo nas inmediacións do porto de Raxó.
Acompañado polas concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez, o concelleiro de Festexos lembrou que esta fin de semana será unha das máis fortes dentro desta programación, toda vez que o sábado actuará Los Satélites no adro da igrexa de San Salvador e o domingo Panorama chegará á Praza da Chousa de Combarro.
O sábado 29 de abril será a quenda do Festival Sons de Ánkar, que vivirá a súa cuarta edición estreando formato e data. Actuarán Tanxugueiras, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e Treixadura no Parque de Ánkar de San Salvador, desde as 19.00 horas.
O domingo 30 a música continuará en Samieira, na Praza Alfredo Romay, coa orquestra Marbella.
O peche ao ‘Primavera en Poio’ será o martes 16 de maio, na véspera do Día das Letras Galegas, con París de Noia e Los Coleguitas, na Praza da Granxa de Campelo.
Martínez aproveitou para adiantar que o Concello xa ten pechada practicamente toda a programación correspondente ás festas e citas de referencia na temporada estival.
Iniciarase en xuño coas Festas de San Xoán e prolongarase ata finais de setembro coa Festa da Merced. "Mantemos a nosa filosofía de espallar por todas as parroquias actuacións e concertos con artistas de renome, ao tempo que introducimos algunhas novidades, como o Festival Chalana, que terá lugar en agosto e que traerá a Raxó a Álvaro de Luna", lembrou.
Relacionadas:
-
Éxito de público no Sons de Ánkar para ver ás Tanxugueiras, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Treixadura
Por Redacción |
-
Festa rachada con Panorama en Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
Treixadura e Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre súmanse ao Sons de Ánkar 23
Por Redacción |
-
Panorama e París de Noia, grandes atractivos do programa musical Primavera en Poio
Por Redacción |