Alberto de Salazar presentarase á alcaldía de Pontevedra por PACMA en maio
Por Alejandro Espiño
Haberá unha nova papeleta nas eleccións municipais de maio. O partido animalista PACMA presentarase, por primeira vez, na cidade de Pontevedra. Farao co avogado Alberto de Salazar Viñas como o seu candidato á Alcaldía.
Así o anunciou este mércores esta formación política que para o seu desembarco na Boa Vila optou polo que é o seu coordinador provincial, quen nas últimas eleccións autonómicas, celebradas en 2020, foi o seu candidato pola provincia de Pontevedra.
O seu alcaldable, ademais de avogado cunha ampla experiencia, é técnico en prevención de riscos laborais e experto en mediación familiar.
Foi profesor de Dereito Internacional Público na UNED, asesor xurídico en UXT Huelva e no propio partido animalista. Actualmente, traballa no despacho Salazar & Asociados.
Alberto de Salazar Viñas está vinculado desde moi novo, segundo destaca PACMA, á defensa dos animais e o medio ambiente. "Creo que os meus coñecementos e experiencia poden contribuír a facer efectivo ese proxecto", sostén o candidato.
O candidato de Pontevedra aposta por unha política "máis próxima e honesta" cos cidadáns, dotando ao municipio de mellor calidade de vida, cunha "maior sinerxia" entre a cidade e a natureza, e con especial atención aos sectores máis desprotexidos.
Entre outras cuestións, propón crear unha oficina de atención persoal ao cidadán, sen necesidade de cita previa nin de utilización da internet, potenciar o respecto cara aos animais e o medio ambiente e promover medidas de protección ante a actual situación económica para os pequenos e medianos empresarios, con especial atención ao comercio local.