Doazóns de máis de 90 especies de Areeiro para embelecer os parques e xardíns da provincia
Por Redacción
Os concellos, centros educativos, entidades, institucións e particulares da provincia de Pontevedra poderán enriquecer a súa diversidade botánica e o patrimonio vexetal dos seus parques e xardíns grazas á intervención da Deputación de Pontevedra.
A institución provincial doará especies vexetais da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para este fin.
O prazo para solicitalas está aberto desde este martes, 28 de marzo, e este ano os concellos e colectivos interesados poden elixir entre 94 especies ofertadas.
As plantas que poden ser solicitadas son excedentes que se cultivan no viveiro da Estación Fitopatolóxica, cuxo obxectivo é propagar especies vexetais, tanto ornamentais como forestais e froiteiras, para levar a cabo diferentes estudos de cultivos, patóxenos ou pragas, así como conservar a diversidade vexetal da provincia.
Entre as especies e cultivares que se poden solicitar este ano hai acivros, feixoas, piñeiros, magnolios, noceiras, hortensias, roseiras, salgueiros, bidueiros, gardenias, cipreses ou diferentes especies de camelias, entre outras.
Cada entidade pode solicitar ata 35 exemplares diferentes. Poderán facelo ata finais de 2023 de maneira telemática a través da sede electrónica da Deputación, se ben as persoas físicas poderán optar tamén por facelo de forma presencial.
A doazón está condicionada á presentación dunha memoria xustificativa que debe incluír un esbozo (plano sinxelo) do lugar no que se localizará cada un dos exemplares, unha descrición do lugar escollido e fotografías da zona ou zonas onde se plantarán, para que a Estación poida determinar se as especies solicitadas son adecuadas para a zona de cultivo. No caso de que considere que non, poderá suxerir á entidade interesada outras máis adecuadas.