O pleno do estado do municipio convértese no primeiro debate electoral
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Teatro Principal de Pontevedra celebrou este martes o pleno do estado do municipio nunha sesión extraordinaria que se converteu no primeiro debate electoral dos principais candidatos á Alcaldía.
"Cando alguén quere debater sobre asuntos de Pontevedra a min sempre me atopará disposto", arrancou o pleno o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha intervención reiteradamente interrompida por representantes sindicais da xunta de persoal do Concello.
Na súa primeira intervención Lores fixo un repaso pola situación xeral do municipio valorándoo como "un importante motor económico" e unha "cidade atractiva para vivir". "Nunca tanto se fixo nun mandato como neste 2019-2023", destacou o rexedor nacionalista en relación a un "volume de actuacións como nunca houbo antes neste concello".
Tamén agradeceu a "exquisita colaboración coa Deputación" aínda que "non podo dicir o mesmo doutras administracións, sexa da Xunta ou do Estado" aos que lles reprochou os aprazamentos de proxectos e mesmo "incumprimentos da palabra dada".
Non gustou esta última referencia ao socio no goberno local, o portavoz socialista Iván Puentes lembrou os investimentos procedentes do Estado á vez que valorou o resultado da acción municipal "foron catro anos positivos e de avance" especialmente por "dar estabilidade e facer gobernable a cidade".
Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, empezou a súa intervención criticando a falta dun orzamento para este ano "síntoma de la incapacidad de un gobierno" e debullou unha extensa lista de críticas, desde os "impuestos muy elevados", pasando pola situación da área de Persoal, o que lle valeu o aplauso dos funcionarios presentes no patio de butacas.
"La ciudad está absolutamente sucia", continuou Domínguez, "Pontevedra está a oscuras" o que "contribuye al miedo en muchas ocasiones de la gente".
Ademais, dixo que "las instalaciones deportivas son insuficientes y deficientes", lamentou a "ineficacia de los servicios sociales del concello",asegurou que os barrios "se están rebelando" e as parroquias están "abandonadas", o centro histórico "se degrada", "la primera planta del mercado se ha dejado morir" e comprouse Santa Clara "permitiendo el espolio de artículos de valor" e "regalándoselo a la Deputación".
Tamén alertou de que na Boa Vila "varios agresores sexuales andan sueltos" como consecuencia da aplicación da Lei do só si é si. Ademais referiuse á sentenza de Ence "la bofetada jurídica del Tribunal Supremo a Lores resuena en toda la ría".
Finalmente, Rafa Domínguez concluíu resaltando que Lores por "falta de ganas, de relevo o por imposición se ve a disgusto obligado a intentar seguir en su cargo".
A portavoz do grupo municipal do BNG, Carme da Silva reprochou ao Partido Popular que fale de "unha Pontevedra que non existe" facendo oposición "sen ningún rigor, funcionan como unha forza escura. Propostas en positivo absolutamente ningunha" nunha "concepción da política frívola e superficial".
Na súa segunda quenda de intervención o alcalde afirmou sentir unha "profunda decepción" porque "o Partido Popular e o señor Domínguez odia Pontevedra".
Lores destacou que "nunca se fixo tanto investimento no rural nos últimos 50 anos" como no presente mandato. Ademais, insistiu en que a cidade do Lérez é un "potente foco de creación de emprego", e acudiu aos "datos oficiais" para "contrastalo". Fronte a iso dixo que "se algunha vez lle vai ben a Pontevedra o Partido Popular sofre e destila rabia e odio".
Pola súa banda, Iván Puentes aproveitou a súa segunda quenda para repasar as promesas incumpridas da Xunta na cidade de Pontevedra e censurou ao PP "este pleno estéril" que, ao seu xuízo "valeu para que se faga unha foto" pero que resultou unha "pantomima" na que "a señora Pardo é Abascal e o señor Domínguez é Tamames".
Estas críticas sorprenderon a Rafa Domínguez "no es normal, ni es habitual, que en un debate del estado del municipio se venga a criticar a la oposición" e aproveitou a súa última intervención para esbozar a Pontevedra que propón no seu programa electoral, "con una ría saneada" e dragada, "con unos servicios sociales eficaces, que cuide de sus mayores, que respete a sus propios trabajadores y funcionarios". Unha cidade limpa e "ordenada con un PXOM" con transporte público "gratuíto y ecológico", entre outras propostas.
"El Lores del año 99 le diría al Lores de Reina Victoria lo que le dijo a Fraga: Xa leva moito tempo na poltrona mellor estás na casa", rematou o portavoz do PP.
Pechou o debate unha última intervención do alcalde indicando que este pleno "aclarou" a "diferenza" das formacións políticas da corporación "e hai unhas forzas que non cren en Pontevedra" mentres el dixo estar "cada vez máis convencido de que Pontevedra pode avanzar a condición de que crea nas súas posibilidades e a maioría da sociedade comparta esa idea e reme na mesma dirección".