Aposta municipal polo mantemento dos 16 empregados do servizo de xestión recadatoria no novo contrato
Este luns prorrogábase a xestión recadatoria municipal para colaboración na xestión administrativa da recadación de multas de tráfico por un importe de 673.601 euros. Trátase da cuarta prórroga, segundo indicou Anabel Gulías, portavoz do goberno local, cunha duración máxima dun ano, salvo que se produza antes a licitación do novo contrato, que saía a licitación durante os últimos días.
Esta nova licitación, aprobada nunha xunta de goberno extraordinaria, exponse cun importe de 1.546.304 euros cunha duración de dous anos, prorrogables por tres anos máis.
O sistema que se emprega neste proceso de contratación ofrecerá a novidade do funcionamento dun comité de asesores para analizar as ofertas. Neste caso, segundo indicou Gulías, figuran expertos con anos de experiencia nesta materia como é o caso dun interventor do Concello de Vigo, un tesoureiro da Deputación de Pontevedra e un integrante de Amtega, que asegurará que os sistemas informáticos teñen correlación directa co novo servizo que se prestará a través desta adxudicación.
Outra das novidades que se establece é que na puntuación se valorará positivamente nas ofertas licitantes o mantemento dos 16 postos de traballo co persoal actual. Anabel Gulías explicou que por decisión da concelleira de Contratación e do edil de Economía e Facenda decidíase incluír nos pregos esta subrogación no servizo da xestión complementaria de recadación do Concello polo tempo que dure o contrato.
A portavoz municipal expuxo que esta decisión garante a continuidade no servizo de prestación e que responde á lóxica xa que este persoal atópase habituado ao sistema de traballo.