Pecha Caramelos Novás, "toda unha vida adozando Pontevedra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Con bágoas nos ollos e "unha pena inmensa", Loli e Yoli Novás Cousiño botaron este luns o peche definitivo ao negocio familiar que o seu pai abriu hai máis de sesenta anos en Pontevedra, Caramelos Novás. Tras unha semana enteira baleirando o local que ocupaban na rúa Benito Corbal, xa poden dicir oficialmente que se acaba unha era.
Un cartel situado no escaparate do local anuncia o peche á vez que dá as grazas á clientela que fixo posible que este negocio fose o veterano na venda de disfraces e chucherías en Pontevedra, e punto de referencia do Entroido na Boa Vila.
Acábase un negocio que estivo "toda unha vida adozando Pontevedra". Esa é a lenda que as últimas responsables do negocio utilizaron hai anos para compartir unha imaxe dos dous fundadores do negocio diante do seu local na súa conta de Instagram. Aparecían nela Lola Cousiño Pazos e Joaquín Novás Besada, os seus pais e alma do negocio (a mesma imaxe que acompaña este texto).
Esa foto xa non se repetirá. O negocio xa está pechado e Joaquín Novás, falecido. Morreu o pasado 21 de novembro de 2022 aos 85 anos de idade, deixando viúva, Dolores Cousiño Pazos, e sete fillos. Dous delas, Dolores e Yolanda, ou Loli e Yoli, como adoitan chamalas, levaban anos encargándose da tenda de Benito Corbal que acaba de pechar.
Elas, xunto coa súa nai, que seguía ao pé do canón acompañándoas a pesar dos seus 83 anos, foron as encargadas de baleirar o local e, previamente, de tomar a difícil decisión de botar o peche. "Foi moi duro", recoñecen.
O negocio estaba de alugueiro e tiña un contrato de renda antiga e blindado, de modo que poderían permanecer no local de forma indefinida, pero deuse unha circunstancia sobrechegada. O edificio vendeuse e non está aínda claro cal será o seu futuro, pero si que hai altas probabilidades de que se realice unha complexa obra de rehabilitación que implique convivir cunha estada ante o seu negocio durante anos.
Ante estas perspectiva, e a alta probabilidade de que esa estada "esnaquice a vida" ao negocio durante tres ou catro anos, abocándoos igualmente á inactividade, decidiron pechar. O baixo contiguo tamén pechará en xuño.
Na decisión do peche tivo un gran peso a morte do seu pai en novembro, pois, baixando a persiana, logran "deixar o legado de papá no alto", pechar co negocio funcionando como homenaxe a toda unha vida dedicada ao sector.
"Non había mellor forma de terminar, era a mellor opción. Imos e ímonos ben", explica Loli, que sinala que á súa nai "teríalle gustado manter o legado do meu pai máis tempo", pero "era inevitable".
Tanto ela como Yoli están a pasar por momentos moi duros desde a morte do seu pai e estar á fronte do negocio tamén lles supoñía un gran custo psicolóxico, pois todo lembráballes a el e ás decisións que tomou nun sector no que chegou a ter seis tendas de chucherías, tres en Pontevedra, dúas en Vigo e unha en Vilagarcía, ademais dun almacén na rúa Pedra do Lagarto.
Na actualidade, xa só quedáballes a de Benito Corbal porque, ao xubilarse, o pai foise desfacendo do resto. E esta estaba centrada na venda de chucherías e tamén de disfraces, sendo toda unha institución no Entroido pontevedrés.
O deste ano foi o último e están contentas de poder render unha homenaxe ao seu pai durante esas semanas. Así, aínda non sabían que ían pechar, pero si que había posibilidades de que fose o seu último Entroido, así que decidiron, na honra do seu pai, regalar a todos os clientes obsequios que tiñan sobre dúas mesas, unha de nenos e outra de adultos. Perrucas, espadas, disfraces, sobres sorpresa... había de todo, e de moita calidade, e cada cliente podía elixir o que de desexase.
Con esa pequena homenaxe, e este peche, "pechamos o círculo", aseguran. Están contentas de facelo, "se non, daríame unha pena tremenda", recoñece Loli, que este luns tivo "un día horrible".
Elas xa sabían que o seu local era toda unha institución na cidade, pero, á hora de baleiralo, confirmárono. "Aí había moita historia" e atoparon auténticos "incunables" do Entroido pontevedrés como mantillas españolas, con peite incluído, para o día do enterro do papagaio Ravachol ou todo tipo de disfraces.
Este peche é un ata logo, pero non implica a xubilación de Loli e Yoli, que xa teñen en mente un novo proxecto. Descansarán uns meses e meteranse nunha actividade "totalmente diferente". Pechan o círculo e abren outro.
Relacionadas:
-
As perrucas e os disfraces volven, despois de tres anos, con normalidade
Por Alba Feijoo Alonso & Mónica Patxot |
-
O comercio local, coas mans atadas diante do seu Halloween máis terrorífico
Por Manu Otero |
-
Un Entroido feminista: Daenerys Targaryen e Defred son dúas das peticións de disfraces máis recurrentes
Por Olaya Madrigal & Victoria Regueira |