Atacan con sal unha árbore en Mariscal Pardo de Cela para secala e matala
Por Redacción
A indignación veciñal é enorme na rúa Mariscal Pardo de Cela, na contorna da ponte da Avenida de Vigo. A árbore de gran porte que hai na zona, todo un símbolo no barrio, sufriu un ataque vandálico que ameaza a súa supervivencia.
A Policía Local trata de pescudar quen foi a persoa que lanzou unha gran cantidade de sal no alcorque da árbore, unha manobra tendente a secala e matala.
O suceso produciuse o pasado sábado, segundo denunciaron os veciños.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, non dubidou en cualificar este acto como unha "agresión a un ben municipal" e advirte que se tomarán as "medidas oportunas" para identificar os responsables desta acción.
Paralelamente á investigación policial, os servizos de Parques e Xardíns revisaron a árbore e, ademais de retirar o sal verquido, buscarán reverter os danos que se produciron e que estes "non vaian máis aló e podamos salvar a vida da árbore".