A zona verde entre Ernesto Caballero e José Malvar será o Parque da Camelia
Por Redacción
Máis de 11.000 metros cadrados. É a extensión o novo parque que se proxecta en Pontevedra. Estará situado na zona verde entre Ernesto Caballero e José Malvar, actualmente sen uso, e renderá homenaxe a todo un símbolo das Rías Baixas: a camelia.
Así, o futuro Parque da Camelia busca ser un espazo "simbólico e representativo", segundo destaca o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, no que se poidan exhibir unha ampla colección de variedades de camelias "orixinais e singulares".
"Esta zona verde parécenos moi acaída para ubicalo, xa que ten unhas condicións de sombra apropiadas para a camelia e un chan bastante fértil", sostén Puentes.
Esta proposta formúlase dentro dun plan de desenvolvemento urbanístico iniciado cun proceso de expropiación das propiedades incluídas nesta unidade de actuación.
Nesta área, detalla o edil socialista, contémplase a urbanización e mellora paisaxística de toda a contorna, a creación dun novo parque infantil e a instalación de mobiliario e iluminación, o que permitirá actuar nunha zona da cidade "que se atopa agora mesmo incompleta".
Ademais, o parque contará coas instalacións de rega necesarias que permitan a conservación dos seus valores estéticos ou a xeración de ámbitos de socialización comunitaria, encontro e realización de actividades lúdicas mediante a dotación de áreas de estancia dentro do parque.
O futuro Parque da Camelia inspirarase nun catálogo de árbores, arbustos, plantas, bulbos e sementes publicado en 1882 pola Escola Práctica de Agricultura de Pontevedra, unha institución de vida efémera que estaba situada na Caeira e que dependía da Deputación.
A súa principal actividade estaba dirixida ao deseño de xardíns e explotacións agrícolas e impulsou a entrada e o desenvolvemento do cultivo da camelia na provincia de Pontevedra.
Iván Puentes indica que as actuacións contempladas neste proxecto suporán un investimento que rondará os 1,5 millóns de euros e recibirá financiamento europeo, xa que o trazado da futura Vía Verde pasará por este novo parque urbano.