Noitevella "tranquila": cinco intoxicacións, tres condutores bébedos e queixas por ruídos
Por Natalia Puga
Os pontevedreses recibiron 2014 dando mostras de "gran civismo" e "tranquilidad". ÿ o balance que fan dende os servizos médicos e policiais tras analizar os partes de incidentes da madrugada e as primeiras horas da mañá deste 1 de xaneiro.
No Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) tiveron ao longo de toda a madrugada cinco ingresos de persoas maiores de idade, aínda que mozos, por intoxicacións etílicas, unha cifra "normal en una noche de Fin de Año". Rexistrouse "mucho movimiento", pero todo dentro dos parámetros habituais para o sinalado da data e sen ningunha incidencia salientable.
A nivel policial a normalidade tamén foi a tónica dominante. A Policía Local tivo seis requirimentos ao longo de toda a madrugada e a mañá deste 1 de xaneiro de cidadáns que se queixaban porque os seus veciños estaban a facer un ruído excesivo en vivendas particulares, pero en ningún deles se formulou denuncia. Tamén tiveron unha queixa por un local de Arcebispo Malvar, pero cando chegaron ao lugar comprobaron que o bar estaba pechado e o ruído o facían dous peóns que estaban no exterior.
A Policía Local tivo seis requerimentos en toda a noite por exceso de ruído en vivendas particulares
Os axentes municipais notaron unha maior actividade na rúa a partir das 6.00 horas e nos controis de alcoholemia ordinarios que realizan cada Noitevella detectaron tres condutores que conducían en estado de embriaguez e deron positivo no test de alcoholemia. Na rúa Fernando Olmedo tiveron unha denuncia por unha suposta pelexa, pero cando chegaron ao lugar xa non encontraron ningún incidente.
A Policía Nacional non rexistrou ningunha chamada cidadá ata as 4.30 horas da madrugada. Un veciño de Monte Porreiro pediu axuda porque na súa rúa había un grupo de persoas facendo moito ruído e tirando petardos, pero o pequeno incidente solucionouse sen que fose necesario identificar a ninguén, todo se disolveu coa mera presenza policial.
Os axentes municipais acudiron tamén á rúa Cunchidos de Lourizán a petición de Urxencias Médicas de Galicia 061, pero non foi necesaria a súa intervención porque se trataba dunha persoa que sufrira unha caída accidental e presentaba un corte nas costas.
O balance que fai é dunha "noite tranquila" e unicamente tiveron que trasladar á Comisaría unha persoa para poder identificala porque non levaba enriba documentación. Aconteceu entre as 7.30 e as 8.00 horas da mañá, cando os responsables dun karaoke da zona da Alameda pediron axuda pola presenza dun cliente en estado de escitación e bébedo que estaba a causar disturbios e pequenos danos. Finalmente, o dono do negocio non presentou ningunha denuncia e a persoa só foi identificada.