Convocan unha concentración no Grove, 'culler de pau' en man, para apoiar a Javier Olleros
Por Redacción
O peche do Culler de Pau, o restaurante do 'Estrela Michelín' Javier Olleros, desatou unha vaga de apoios que vai máis aló do seu O Grove natal. Nada máis coñecer o precinto do establecemento por problemas coa súa licenza de apertura milleiros de persoas expresaron a súa indignación a través das redes sociais. Tanto que xa se convocou unha manifestación de protesta ante esta decisión, executada para dar cumprimento a unha sentenza xudicial.
Será o vindeiro venres 10 de xaneiro ás 20.30 horas na Praza do Corgo, xusto diante da Casa do Concello. Invítase aos participantes a acudir a ela cunha culler de pau na man e con calquera outro utensilio culinario como un gorro de cociñeiro ou unha tarteira. O obxectivo é presionar ao goberno municipal para que axilice os trámites administrativos para que o restaurante poida volver abrir canto antes.
Esta concentración reunirá, a bo seguro, a un gran número de persoas. Será un reflexo do apoio que Javier Olleros está reunindo a través das redes sociais. Máis de 3.300 persoas uníronse xa ao grupo de Facebook creado para mostrar a súa indignación polo precinto do restaurante. Aseguran que se está facendo un dano enorme non só ao seu propietario, senón ás dez familias que dependen do seu traballo e á imaxe de todo o municipio.
Os reproches son incesantes tanto cara ao goberno municipal do Grove como cara a ÿscar Miniño, o empresario local que denunciou as supostas ilegalidades urbanísticas cometidas no establecemento. Presentou unha demanda contra o Culler de Pau ao entender que as obras realizadas non se axustaban á licenza recibida. O TSXG deulle a razón, obrigando ao precinto ata que se derrube unha parte do local e se obteña a licenza de actividade.
Javier Olleros, a través da sociedade que xestiona o restaurante, Davandoira S.L., xa presentou o proxecto para resolver estas deficiencias. Espera poder reabrilo nun prazo de tres meses, sempre que durante ese periodo resólvanse os problemas administrativos. No caso contrario, como sinalou nunha entrevista en V Televisión, "si esto se alarga demasiado lo que tengo claro es que, sintiéndolo mucho, me voy a cocinar donde me quiera".
En todo caso, o cociñeiro agradece inmensamente o "lujazo" que supón o apoio que está recibindo dos seus veciños e amigos. "ÿ emocionante ver todo o apoio que estamos a recibir. Compensa un pouco o que nos está a pasar", afirmaba este luns. Un respaldo que chega tamén desde a Asociación de Hostelería do Grove que, a través dun comunicado, expresou o seu malestar pola decisión de precintar o Culler de Pau.
Lamentan que feitos como este "empañen o labor de profesionais como Javier Olleros" e insisten na necesidade de que o goberno municipal actúe con celeridade para que este asunto "non afecte á boa imaxe do mesmo". Neste sentido destacan que Culler de Pau "mostrou desde a súa apertura o bo facer na cociña e na sala e foi bandeira do noso municipio alá onde vai, sendo un prestixio para O Grove e as Rías Baixas"