Lores reclama a Rueda que abandone as "escusas de mal pagador" e amplíe O Campiño
Por Alejandro Espiño
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, esixiu este mércores ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que deixe ao carón as "escusas de mal pagador" e comece a tramitar a ampliación do polígono industrial do Campiño.
Entende Fernández Lores que se debe "planificar xa" esta ampliación porque este tipo de actuacións "hai que prevelas con tempo". As poucas parcelas dispoñibles, segundo o rexedor, "pódese esgotar" nun ou dous anos, polo que hai que actuar con certa previsión.
"Non hai que darlle máis voltas. Hai que facelo. É de perogrullo", sostivo o alcalde, que censurou que o presidente galego descartara esta actuación, polo menos por agora, alegando que aínda hai solo dispoñible neste polígono.
A este respecto, Lores criticou a existencia de parcelas vendidas no seu día e que xamais foron desenvolvidas, sen que o executivo autonómico esixira a súa devolución. Unha delas, asignada a Cementos Cosmos, de máis de 26.000 metros cadrados.
Tras soster que será Rueda o que deba explicar aos empresarios por que non é necesaria esta actuación, o alcalde reiterou que "é necesario que se empece xa con isto porque a competencia é súa e non hai volta de folla".